A Xunta anima a concellos e xestores a solicitar as axudas para a xestión dos biorresiduos e os residuos urbanos especiais ás que destina 18,7 M€

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda amplía o prazo para a presentación de proxectos ata o 22 de febreiro

O orzamento ascende a 8,6 M€ para facilitar aos concellos a implantación do quinto contedor no servizo de recollida municipal e a 4,9 M€ para que aposten pola compostaxe doméstica ou comunitaria

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

A Xunta anima aos concellos galegos e aos xestores a solicitar axudas para mellorar a xestión e recollida dos residuos urbanos especiais, ás que destina un orzamento de 18,7 millóns de euros de fondos europeos.

Trátase de tres liñas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cuxo prazo de presentación de solicitudes se acaba de ampliar ata o vindeiro 22 de febreiro, co obxectivo de facilitar a presentación dos proxectos.

Cómpre lembrar que dúas ordes benefician directamente ás entidades locais, que poderán optar a un orzamento de 15,7 millóns de euros. Unha é a dirixida á xestión dos biorresiduos; cunha liña de axudas cun orzamento de 8,6 millóns de euros para apoiar aos concellos naquelas accións planificadas para a introdución do quinto contedor no servizo de recollida municipal; e outra liña, dotada con 4,9 millóns, centrada na recollida a través da compostaxe doméstica ou comunitaria.

Tal e como se recolle na orde, as solicitudes poden ser individuais ou colectivas e permiten a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida, así como para a posta en marcha de campañas informativas.

O importe ao que se pode optar acada un máximo do 90% do custo da actuación, en función das características do proxecto e do tipo de solicitude.

Residuos domésticos especiais

A segunda orde facilita axudas para a recollida dos residuos domésticos especiais, é dicir, os aceites domésticos usados, os téxtiles ou os puntos limpos móbiles, e está dotada dunha partida de 2,2 millóns de euros.

A través deste programa, sufráganse con ata 15.000 euros iniciativas para a implantación da recollida separada de aceite de cociña usado. No caso de querer mellorar a recollida de téxtiles, as entidades poden acceder a unha subvención conxunta de 40.000 euros e, por último, os concellos galegos que desexen contar cun punto limpo móbil poden solicitar unha axuda de ata 70.000 euros ou de ata 100.000, se a convocatoria é conxunta, para adquirir un vehículo que facilite a recollida de residuos urbanos especiais.

Mellorar a xestión dos residuos téxtiles

A terceira é a orde de axudas dirixidas exclusivamente aos xestores (pemes, autónomos, asociacións e fundacións) para que se sumen á correcta xestión dos residuos téxtiles, co obxectivo de potenciar a recollida separada e, tras o seu tratamento adecuado, volver introducilos na cadea produtiva como unha nova materia prima.

Grazas a esta liña actuación, dotada con 3 millóns de euros, ofrécese unha resposta aos residuos que xera o sector téxtil en Galicia e sobre todo á necesidade de pechar o ciclo dos materiais empregados no sector e consumidos polo gran público. Ademais, este tipo de apoios son medidas de referencia para outros sectores, co fin de que se implante a economía circular, onde os residuos se converten en novos materiais cunha nova vida útil.

No seguinte cadro resúmense as ordes de axudas e as diferentes liñas de actuación:

ACTUACIÓN

LIÑA

IMPORTE LIÑA ACTUACIÓN

IMPORTE

ORDE

NOVO PRAZO SOLICITUDE

Recollida separada dos biorresiduos

Quinto contedor

8,6 M€

13,5 M€

Ata o 22 de febreiro

Compostaxe

4,9 M€
Recollida dos residuos domésticos especiais

Aceites usados

200.000 €

2,2 M€

Téxtiles

536.276 €
Puntos verdes móbiles
1,47 M€

Axudas a xestores para a correcta xestión dos residuos téxtiles

Medidas encamiñadas a potenciar a recollida separada

-

3 M€

 

Total

18,7 M€