A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras unha vez que o Concello da Coruña autorice o convenio de cofinanciamento e sexa asinado xunto co Goberno galego e o Ministerio de Transportes, que debe aínda contratar a reforma ferroviaria

A Xunta aproba o proxecto da estación de autobuses e do aparcadoiro da intermodal da Coruña, que suporá un investimento de preto de 30M€

Executarase unha nova terminal de autobuses en paralelo á avenida da Sardiñeira, cun edificio de viaxeiros de 2.500 metros cadrados e 20 dársenas, situadas ao mesmo nivel que o edificio de viaxeiros


A estación situarase sobre un aparcadoiro con 325 prazas para turismos e outras 44 para vehículos de alugueiro, reservando tamén 20 ocos para a regulación de autobuses

Os peóns poderán acceder á estación directamente desde a avenida da Sardiñeira, desde a pasarela de conexión coa avenida do ferrocarril ou desde a estación de tren e o aparcadoiro
 

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, aprobou hoxe o proxecto construtivo da estación de autobuses e do aparcadoiro da intermodal da Coruña, que suporá un investimento de 29,77 millóns de euros.

Conclúe así o traballo desenvolvido polo Goberno galego para o deseño dunha terminal de autobuses integrada na estación ferroviaria da Coruña, que se executará sobre un aparcadoiro subterráneo de case 370 prazas.

A previsión da Xunta é poder licitar as obras nas vindeiras semanas, unha vez que se asine o convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e co Concello para a execución e financiamento destes traballos, así como das zonas comúns.

O proxecto conta xa coa aprobación urbanística tras a súa tramitación ao abeiro da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese e aprobalo polo Consello da Xunta.

Unha vez licitadas as obras da nova terminal de autobuses e do aparcadoiro, estará aínda pendente a licitación das obras de reforma ferroviaria comprometidas polo Goberno de España.

A estación de autobuses da intermodal da Coruña desenvolverase en paralelo á avenida da Sardiñeira e á traza ferroviaria, sobre unha parcela de 21.000 metros cadrados e estará dividida en dous niveis: no superior situarase a estación propiamente dita, co edificio de viaxeiros e a zona de dársenas, ademais da pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e no inferior, a cota variable, situaranse o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación e as dársenas de regulación.

Dese xeito, o acceso peonil ao novo edificio da estación de autobuses poderá realizarse desde a avenida da Sardiñeira, a través da pasarela peonil de conexión coa avenida do Ferrocarril, ou desde a propia estación de tren e o aparcadoiro.

Os autobuses, pola súa banda, accederán por un ramal da glorieta que se prevé construír na avenida da Sardiñeira, desde a cal poderán dirixirse tanto á zona das dársenas como ao aparcadoiro de regulación, no suroeste da parcela.

Para o resto de vehículos, o acceso ao aparcadoiro realizarase desde a futura glorieta da Sardiñeira ou ben desde a glorieta da avenida do Ferrocarril, a través do túnel que se prevé executar baixo a estación de San Cristóbal.

O edificio da estación terá 2.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares. O andar máis alto será de acceso restrinxido ao persoal autorizado e acollerá as instalacións e os cuartos técnicos. No andar baixo, desde o vestíbulo accederase a unha zona de circulación e espera, cun desenvolvemento lonxitudinal arredor do cal se disporán a cafetería, as taquillas, aseos, sala de seguridade, facturación, ademais doutras oficinas privadas.

Desde o vestíbulo do andar baixo accederase, a través das escaleiras mecánicas ou o ascensor, ao vestíbulo que conecta coa estación de tren, situada á mesma cota que o andar -1 do aparcadoiro.

A zona de dársenas estará á cota do andar baixo do edificio, de forma que serán os autobuses e non os viaxeiros a pé os que circulen baixo a terminal para entrar e saír. A estación contará con 20 dársenas de operación e unha zona de regulación no aparcadoiro, con máis de 20 prazas.

O aparcadoiro de turismos dispón de 325 prazas de estacionamento, máis 44 para vehículos de alugueiro, das cales unha porcentaxe se reservará para persoas con mobilidade reducida, para familias e embarazadas e para coches de carga eléctrica. Así mesmo, proxéctase habilitar prazas para motocicletas.

A execución destas obras enmárcase no convenio entre a Xunta, o Concello da Coruña e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Adif, para a execución da terminal de autobuses, o aparcadoiro de turismos e os elementos comúns para a construción do complexo intermodal da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, executará as obra da terminal de autobuses e do aparcadoiro, que se cofinanciarán conxuntamente co Concello da Coruña, achegando a Xunta o 60% do importe total.

Ademais, o Goberno galego licitará e executará as obras correspondentes ao proxecto de elementos comúns da estación intermodal, que suporá un investimento de aproximadamente 10 M€, que serán financiados nun 80% por Adif, nun 10% pola Xunta e noutro 10% polo Concello.

Deste xeito, a Xunta prevé investir un total de preto de 20 M€ na estación intermodal da Coruña, que cofinanciará con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, Next Generation UE, de resposta comunitaria fronte á pandemia.

A Xunta está á espera da aprobación do dito convenio por parte do Concello da Coruña para, a continuación, sometelo á aprobación do Consello da Xunta e, a continuación asinalo e licitar as obras. Os traballos teñen un prazo de execución de 27 meses.