O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as obras que están a piques de rematar
A Xunta inviste máis de 48.000 euros na construción dun almacén para a aula do ciclo de agraria no ‘IES Cidade de Antioquía’ de Xinzo de Limia
O delegado territorial explicou que esta construción servirá para gardar os apeiros de labranza, utensilios e maquinaria necesarios para impartir o ciclo
Gabriel Alén subliñou que con esta actuación aténdese unha demanda do equipo docente e responsables do ciclo no camiño de mellora permanente das instalacións dos centros educativos da provincia, e increméntanse as condicións de benestar da comunidade educativa, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, as obras de construción e adaptación dun almacén para a aula do ciclo de agraria no IES Cidade de Antioquía, para gardar os apeiros de labranza, utensilios e maquinaria necesarios para impartir o ciclo, e no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu 48.376,22 euros, nun mes e medio de prazo de execución.
O delegado territorial explicou que esta actuación, a piques de rematar, consistiu na construción e adaptación dun almacén de, aproximadamente 108 metros cadrados ao carón do polideportivo do centro que permitise gardar a maquinaria (tractor, motocultores e apeiros de labranza), e facilitase as manobras de enganche e desenganche dos diferentes apeiros, (remolque, fresa, cultivador, e demais apeiros). Tamén se levou a cabo a pavimentación, a base dunha soleira de formigón, duns 5 metros fora do almacén para facilitar as manobras do tractor e conseguir un espazo facilmente saneable e cómodo para a retirada de barro e terra.
Con esta actuación -subliñou Gabriel Alén- atendemos unha demanda do equipo docente e responsables do ciclo no camiño de mellora permanente das instalacións dos centros educativos da provincia, e incrementamos as condicións de benestar da comunidade educativa, ao abeiro por primeira vez do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para o deseño dos centros post-covid.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€, configúrase como guía mestra de todas as intervencións que se están a facer nos centros educativos galegos apostando por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado.
As actuacións que se están a desenvolver nos centros xiran arredor de seis eixos de actuación que son o encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior dos centros, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética.
Memoria da obra
Acometeuse a limpeza e desbroce do terreo, con arrincado e replantado de arbores froiteiras e procedeuse a arrincar o chan de formigón deteriorado. A continuación, escaváronse as gabias para as cimentacións corridas e desprazáronse as instalacións enterradas que puideran ser afectadas.
Instaláronse zapatas corridas de formigón armado e a estrutura con piares, linteis e correas de cuberta de formigón pretensado. A cubrición levouse a cabo con paneis sándwich de 50 mm, anllados con remates con chapa de aceiro prelacada e dobrada. Tamén se colocaron un canón con babeiro en aluminio e as baixantes en chapa de aluminio.
Os cerramentos acometéronse con panel prefabricado de formigón de 20 cm espesor, con
illamento incorporado, e as fiestras, de aluminio de corredoira, permiten a ventilación e iluminación natural.
Plan estratéxico do sector agrario da comarca
O delegado territorial lembrou a importancia do sector primario nunha das comarcas agrícolas máis importantes de Galicia. Deste xeito, puxo en valor a implantación do Plan estratéxico do sector agrario da comarca, promovido pola Xunta, que pretende lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos nesta bisbarra ourensá, reducir a concentración de nutrientes nas augas, xerar emprego e fixar poboación no rural, combatendo así o cambio climático á par que Europa.
Tamén se valorou a constitución da comisión interdepartamental, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta. Así, a través desta comisión, preténdese acadar un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios para contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras e do regadío nesta comarca, con medidas concretas que se poidan incluír no Plan estratéxico cun compromiso de execución a curto, medio e longo prazo.
Así, o Goberno galego está a construír 42 novos pozos para catro comunidades de regantes por un orzamento de case catro millóns de euros, e tamén recordou que xa se iniciou o Plan extraordinario de reparación de camiños desta comarca, dotado para este ano cun orzamento de 600.000 euros.
Ademais, a Xunta está a levar a cabo outras medidas xenéricas que velan polo desenvolvemento sostible do sector primario na Limia, tales como o desenvolvemento da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou o Plan de Pastos, que van permitir o aumento da base territorial das explotacións. E, por último, a Xunta -para optar aos fondos europeos Next Generation- presentou ás manifestacións de interese lanzadas polo Goberno un proxecto tractor para a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.