Fernández-Tapias supervisa as obras de rehabilitación integral do conservatorio superior de música de Vigo no que a Xunta está a investir preto de 1,2 millóns de euros

A delegada territorial en Vigo destaca un investimento superior aos 5,5M€ en obras educativas, “como mostra do compromiso da Xunta coa mellora do ensino na cidade”

Entre as intervencións programadas ou en execución apunta a reforma do Centro de Formación e Recursos do Profesorado e a rehabilitación do IES San Tomé de Freixeiro

Vigo, 31 de xaneiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ao Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde destacou que actualmente hai obras programadas ou en execución nos centros educativos da cidade por importe de máis de 5,5 millóns de euros.
Durante a visita con motivo do inicio das obras que se están a acometer desde o pasado 7 de xaneiro no conservatorio, a representante autonómica incidiu en que con esta actuación a Xunta non só referenda “o seu compromiso coa mellora do ensino na cidade”, senón que se dá resposta “ás necesidades trasladadas polos profesores e alumnos cunha rehabilitación integral que ascende a preto de 1,2 millóns de euros”.
Deste modo, e co obxectivo de atallar as problemáticas que viñan suscitando as súas instalacións, cambiarase toda a carpintería exterior, mellorarase o illamento da fachada e repararase a entrada de auga en cubertas e terrazas e os efectos ocasionados pola mesma en teitos e paramentos.
Tamén intervirase no edificio do auditorio onde, segundo informou, está previsto mudar a cuberta e o sistema de impermeabilización, mellorar o illamento e acometer diferentes traballos de reparación. Así mesmo, actuarase sobre a cuberta do lucernario e cambiarase a carpintería exterior.
As obras estarán rematadas entre finais de maio e principios do mes de xuño, salvo imprevistos.
Tal e como explicou, esta actuación súmase a outras xa en marcha ou programadas pola Xunta e que arrancarán de forma inminente, como é o caso do edificio contiguo ao CEIP Virxe do Rocío, que albergará a sede administrativa do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR); a rehabilitación integral do IES San Tomé de Freixeiro (1,2M€), un proxecto pensando na eficiencia enerxética e cuxo inicio está pendente da concesión de licenza municipal; as cubertas do CEIP A Doblada (139.000 euros); e a reforma do ximnasio e os vestiarios do IES Alexandre Bóveda (282.000 euros).

IES de Navia

Tras indicar que os máis de 27 millóns de euros investidos en Vigo desde o 2009 converten á cidade no concello de Galicia con maior investimento neste ámbito, sinalou que todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.
Fernández-Tapias fixo así referencia ao IES de Navia que o Goberno galego ten comprometido no barrio vigués como unha das actuacións máis ambiciosas da nova planificación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para a que se reservan 8 millóns de euros.
A delegada territorial, incidiu en que os orzamentos deste ano xa recollen unha partida específica para esta infraestrutura, “como a mellor garantía -dixo- do compromiso da Xunta co novo centro”. En todo caso, anotou que o departamento autonómico está á espera de que o Concello de Vigo ceda os terreos para, despois, poder asinar o convenio para a súa construción.

Imaxes relacionadas