A Xunta incrementa nun 2,5% a contía da Risga e das axudas de inclusión social para seguir axudando ás persoas que máis o precisan
Actualmente benefícianse da Renda básica máis de 7200 persoas, mentres que ao longo do ano 2021 foron concedidas máis de 3000 Axudas de Inclusión Social (AIS)
A Xunta incrementou nun 2,5% a contía da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e das Axudas de Inclusión Social (AIS) para seguir axudando ás persoas que máis o precisan. Na actualidade benefícianse da Risga máis de 7200 persoas, mentres que ao longo do ano 2021 percibiron unha axuda de inclusión social máis de 3000 galegas e galegos.
O Goberno galego blindou nos orzamentos do ano 2022 estas prestacións para seguir dándolle unha resposta a todas aquelas persoas que non transitaran ao Ingreso Mínimo Vital (IMV). En concreto, as contas autonómicas reservan 44 millóns de euros para a Risga, ampliables en caso de ser necesario, e 4 millóns de euros para as AIS.
A Xunta continúa avanzando na reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia en colaboración coas entidades e os profesionais do sector para adaptar o mapa de prestacións ao novo escenario xurdido coa aprobación do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Nun momento coma este, o Goberno galego segue reforzando as axudas ás persoas que máis o precisan.