A Xunta investirá en 2022 máis de 34 millóns de euros na construción e reforma de centros de saúde

En total serán 25.923.853 € para construción de novas edificacións de atención primaria e outros 4.203.320 € para obras de melloras e reforma nas sete áreas sanitarias

Destinaranse tamén 3,2 millóns de euros á climatización de centros de saúde, ademais de 1,5 millóns de euros para renovación de equipamento
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia vai investir máis de 34 millóns de euros durante 2022 na construción, mellora e modernización das infraestruturas de atención primaria nas sete áreas sanitarias. En concreto destinará 25.923.853 € para a construción de novos centros de saúde e outros 4.203.320 € para obras de reforma neste tipo de instalacións. Este orzamento cubrirá as actuacións necesarias nas sete áreas sanitarias galegas e trátase da segunda maior partida para investimentos en atención primaria desde o ano 2005, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.
Se desagregamos por provincias, na Coruña hai 700.000 € reservados para o inicio da obra en Abegondo dentro da partida global de 6.932.050 € para a construción de novas infraestruturas de atención primaria.
Pola súa banda, Lugo conta con outros 400.000 € reservados dentro desa partida xeral para o inicio da obra do novo centro de saúde de Antas de Ulla, cuxo proxecto vén de ser adxudicado, ademais dunha partida específica de 6,2 millóns para a continuación da obra do Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo.
En Ourense hai unha partida unha específica de 1,5 millóns de euros para iniciar as obras do novo Centro Integral de Saúde da cidade, cuxo proxecto xa foi adxudicado mentres que, dentro da partida global de construción de novas infraestruturas tamén conta con 400.000 € destinados ao comezo das obras na Rúa.
Por último, na provincia de Pontevedra, ademais da partida específica de 2,3 millóns de euros para o comezo da obra do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, que vén de ser licitada, a partida global reserva 3.700.000€ para inicio da obra de ampliación do centro de saúde no Porriño e outros 932.050 € para comezar a construción do centro de atención primaria de Moaña.
Dentro desta partida xeral para a construción de novos centros de saúde hai un total de 800.000 € reservados para licitar os proxectos de novos centros de saúde que figuren na prioridade 1 de novo Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, a medida que os respectivos concellos asinen os preceptivos convenios coa Xunta para ceder as parcelas necesarias para a súa construción. Eses centros son Noia, Porto do Son e Ribeira, na Coruña; Pantón, Ribadeo e Sagrado Corazón en Lugo; Boborás, Muíños e O Carballiño en Ourense; e Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, O Grove, Cangas e A Guarda en Pontevedra.

Reformas e melloras

En canto a partida orzamentaria para reformas e melloras en centros de saúde, cun total de 4.203.320 €, está destinado 1 millón de euros para iniciar a reforma do centro de saúde de Conxo en Santiago; 454.320 € para rematar a reforma do centro de saúde de Ribadavia e outros 100.000 € para finalizar as obras do de Arnoia.
Ademais dentro desta mesma partida hay 2,65 millóns de euros para licitar as obras de reforma nas instalacións que figuren na prioridade 1 do novo Plan de Infraestruturas de Atención Primaria. Neste caso son os centros de saúde de Carballo, Cedeira e Culleredo na provincia da Coruña; o da Milagrosa en Lugo, Meira e Outeiro de Rei na provincia luguesa; e o de Moraña en Pontevedra.

Outros investimentos

A estas cantidades hai que engadir un millón de euros para financiar o novo centro de saúde de Santa Lucía, na cidade da Coruña. Trátase dunha cantidade que se transferira ao Concello coruñés, encargado de licitar proxecto e obra segundo o convenio asinado, e tal e como se recolle no capítulo VII de transferencias de capital recollido nos orzamentos da Xunta para este ano.
Cómpre destacar que, tamén un orzamento de 3,2 millóns de euros para a climatización en centros de saúde e 1,5 millóns de euros para a renovación de equipamento nas infraestruturas de primeiro nivel asistencial. Estas partidas concretaranse tras a licitación dos respectivos contratos.
A Xunta de Galicia continúa a considerar a Atención Primaria como unha das súas prioridades, poñendo a disposición da cidadanía galega infraestruturas con alta capacidade de resolución no lugar máis próximo ao paciente, coa construción de novos centros de saúde e mellorando e modernizando os xa existentes.

Imaxes relacionadas