A Xunta colaborará co concello de Marín no estudo das necesidades de nova vivenda protexida do municipio

Ángeles Vázquez subliña a oportunidade que suporán as axudas autonómicas para reforzar o actual parque público residencial e anima á administración local a aproveitalas para impulsar promocións dirixidas aos mozos e onde haxa maior demanda
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Marín para estudar as necesidades deste municipio en materia de vivenda protexida de nova construción co fin de planificar futuras promocións e aproveitar ao máximo os fondos europeos que xestionará a Comunidade neste eido.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa pontevedresa, María Ramallo, con quen se reuniu esta semana por videoconferencia para abordar diferentes asuntos de interese municipal.

En concreto, ambas coincidiron na importancia de analizar ao detalle as necesidades de Marín desde o punto de vista residencial, sobre todo naquelas zonas do municipio que concentran maior demanda e prestando tamén unha atención especial ao colectivo dos menores de 35 anos, que adoitan ter máis dificultades á hora de emanciparse.

Neste sentido, a conselleira subliñou a gran oportunidade que suporán os fondos europeos que xestionará a Xunta en materia de vivenda nos vindeiros anos para reforzar o actual parque público residencial da Comunidade.

Concretamente, a conselleira referiuse ao programa de incentivos á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, cuxa convocatoria sairá publicada neste primeiro trimestre e que conta cunha liña, cun orzamento de 16,1 millóns de euros, para axudar a organismos públicos, así como a empresas e sociedades de carácter público ou público-privado que actúen en calidade de promotoras.

As entidades que resulten beneficiarias destas axudas, tal e como lle trasladou a conselleira á alcaldesa, poderán optar a unha subvención de ata 50.000 euros por vivenda construída segundo os criterios fixados na propia orde, cuxo principal obxectivo é poñer no mercado máis VPP en réxime de alugueiro.
 

Imaxes relacionadas