Os fondos europeos abren sinerxías de cooperación entre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e os empresarios galegos

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, animou a aproveitar as posibilidades dos fondos europeos para mellorar a competitividade das empresas e investir en accións que redunden na mellora das condicións de vida dos cidadáns da Eurorrexión

Asistiu ao acto de sinatura do protocolo entre a Agrupación Europa de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e a Confederación de Empresarios de Galicia

Entre os obxectivos do acordo, que terá unha vixencia de 2 anos, figuran a mellora da competitividade das empresas, a flexibilidade da mobilidade na fronteira para empresarios e traballadores ou a posibilidade de presentar candidaturas conxuntas ás convocatorias de fondos europeos
 

Vigo (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da cooperación transfronteiriza para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a ambos lados da “raia” e incidiu na oportunidade que supoñen os fondos europeos para acadar ese obxectivo. Así o destacou hoxe durante o acto de sinatura do protocolo entre a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que contribuirá precisamente a mellorar o tecido empresarial e a súa competitividade, así como favorecer a mobilidade fronteiriza de traballadores e empresarios.
Segundo resaltou Alfonso Rueda, o protocolo une a experiencia no ámbito da cooperación transfronteiriza e na dinamización de proxectos europeos conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa experiencia de colaboración empresarial da CEG con organizacións empresariais do norte de Portugal como a Confederación de Empresarios de Galicia coa Confederación de Empresarios do Miño (CONFMINHO) ou a Asociación Empresarial Portuguesa (AEP).

Deste xeito, co novo protocolo preténdese aumentar as misións empresariais seguindo o traballo feito nos últimos anos, ademais de seguir apostando polo sector da automoción e o aeroespacial. Tamén abre a porta a explorar novas vías de cooperación no eido turístico entre o Clúster Turismo de Galicia e os principais organismos do sector do norte luso, aproveitando o reclamo do Xacobeo 21-22 e o aumento de peregrinos do Camiño Portugués, que concentrou o 25% das case 180.000 Compostelas seladas o ano pasado.
O acordo, que terá unha vixencia de 2 anos, foi asinado esta mañá polo director da GNP-AECT, Nuno Almeida, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Ao acto tamén acudiron o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
O protocolo tamén inclúe a posibilidade de presentar candidaturas conxuntas ao próximo Porgrama Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027 (POCTEP). Nesta liña, o vicepresidente primeiro lembrou que no período 2014-2020, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conseguiu situarse como a primeira en captación de investimento a través do POCTEP con 163 millóns de euros para 85 proxectos neses anos.
Alfonso Rueda destacou o importante papel da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal no fomento da cooperación nesta Eurorrexión co obxectivo de defender os intereses comúns dos cidadáns a ambos lados da “raia”. No que se refire precisamente ao ámbito económico, indicou que a AECT vén organizando distintos encontros con sectores produtivos de Galicia e o Norte de Portugal como o metal, a automoción ou o téxtil, ademais das xornadas Job Days para a procura de emprego transfronteirizo, ou a participación nos programas B-Solutions para dar resposta a problemas como a axilización da burocracia no tránsito de vehículos profesionais entre ambas rexións.

En canto á I+D+i puxo como exemplo o programa IACOBUS de fomento da mobilidade entre estudantes, docentes e persoal de universidades e institutos politécnicos da Eurorrexión, do que se vén de pechar o prazo de presentación de candidaturas da última convocatoria con máis de 330 proxectos. No ámbito da cultura sinalou o programa NORTEAR, que se basea no intercambio cultural entre Galicia e o Norte de Portugal.

Ademais, resaltou o reforzo do traballo a prol dos Camiños portugueses a Santiago con motivo do Xacobeo 21-22 coa continuidade do programa Facendo Caminho, no que se enmarca a elaboración dun novo Plan Director dos Camiños Portugueses a Santiago.

Pola súa banda, o director da GNP-AECT, Nuno Almeida lembrou que a AECT da Eurorrexión ten entre os seus obxectivos colaborar coas empresas de ambos lados da fronteira para fomentar o tecido empresarial na Eurorrexión GNP a través do coñecemento e a innovación, e insistiu no compromiso para colaborar reciprocamente na organización de misións empresariais, seminarios, visitas e mesmo na presentación de candidaturas conxuntas no ámbito do próximo POCTEP 21-27 e doutros programas con financiamento rexional, nacional ou europeo. Almeida, ademais, chamou a atención dos Gobernos de España e Portugal sobre a “urxencia” de aprobar o Estatuto que regule os 14.000 traballadores transfronteirizos da Eurorrexión.

No acto interveu tamén António Cunha, presidente da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal e da CCDR-Norte, para quen este acordo de cooperación vén dar máis folgos, profundidade e ambición ao diálogo e relación entre os poderes públicos, rexionais e o tecido empresarial nun momento “desafiante” para a Eurorrexión.
 

Imaxes relacionadas