A Xunta da luz verde á realización dunha enquisa para coñecer a percepción da cidadanía sobre as fusións municipais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha nova reunión da comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a Fundación Juana de Vega para o estudo da planta local galega e o impulso de novas fusións municipais, no que se enmarca esta enquisa

A enquisa terá especial incidencia nos municipios rurais e nos dous concellos fusionados ata agora, Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade

Incluirá a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta local
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou esta mañá nunha nova reunión con persoal da Fundación Juana de Vega e un equipo multidisciplinar das 3 universidades galegas, no marco da comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a organización para o estudo da planta local galega e o impulso de novos procesos de fusión municipal.
No encontro de hoxe acordouse a realización a partir da próxima semana da enquisa que se realizará a unha mostra representativa da poboación galega para coñecer a súa opinión sobre os procesos de fusión de concellos, con especial incidencia nos municipios máis rurais e nos dous municipios fusionados en Galicia: Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade.
A enquisa pretende coñecer a opinión da poboación sobre o tamaño actual dos concellos, o seu interese sobre as fusións e outros procesos de redimensionamento municipal, así como a súa percepción sobre as consecuencias da remodelación da planta municipal. Tamén están previstas entrevistas a representantes políticos e a expertos sobre as diferentes alternativas coas que racionalizar o mapa local actual.
A Xunta destina 72.600 euros a este proxecto destinado ao estudo da planta local galega e o impulso de novos procesos de fusión municipal, que estenderá a súa vixencia ata o 31 de outubro de 2022.
O acordo coa Fundación Juana de Vega ten como principal obxectivo abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo de Galicia, así como avaliar se a planta municipal é eficiente, estudar alternativas que melloren a súa eficacia e mitiguen os problemas que xera o despoboamento e, de ser o caso, formular propostas que incentiven novos procesos de fusión. Por iso, o estudo analizará os procesos de fusión desde as perspectivas política, xeográfica e demográfica, económica e sociolóxica, ademais de avaliar as experiencias de fusións en Galicia e propor actuacións para incentivar os procesos de redimensionamento da planta local galega.
Galicia foi pioneira no impulso das fusións municipais ao entender que, coa dispersión da poboación, os concellos pequenos cada vez teñen máis dificultades para xestionar e financiar os servizos que a súa veciñanza precisa, de aí que a Administración autonómica premie nas súas convocatorias de axudas públicas aquelas que cheguen de mancomunidades, entidades asociadas ou concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.
A Xunta seguirá favorecendo os procesos de fusións con axudas aos concellos que, de maneira voluntaria, opten por esa figura administrativa. De feito, nos Orzamentos para este 2022 figura para tal fin unha partida de 1,5 millóns de euros. Nesta liña, os catro concellos fusionados en Galicia nos últimos anos -Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade- poden beneficiarse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións -que ascenderon a máis de 10,5 millóns de euros no período 2016-2021-, e recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos.