A Xunta investirá 7,5 millóns de euros para ampliar a capacidade de procesamento, almacenamento e transmisión de datos do Sergas

Dous novos contratos completan un investimento de máis de 16 millóns de euros para a renovación integral da infraestrutura informática do Sergas, co obxectivo de garantir a accesibilidade dos profesionais ao uso de recursos tecnolóxicos, como é o caso da teleasistencia ou as video consultas, e para mellorar a prestación de servizos aos usuarios, pacientes, familiares e coidadores

Cada minuto xéranse no Sergas 2.000 imaxes dixitais para o diagnóstico clínico, dispénsanse 600 receitas ou xestiónanse 370 consultas clínicas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia está a abordar un proceso de renovación integral da infraestrutura informática da sanidade pública galega a través dun investimento de máis de 16 millóns de euros. Ao respecto, o Servizo Galego de Saúde vén de completar este proceso de renovación coa licitación, esta mesma semana, no Diario Oficial da Unión Europea, de dous acordos marcos, un para a subministración e instalación da ampliación de servidores, almacenamento, backup a disco e electrónica de comunicacións fibre channel (Red San), por valor estimado de 3.675.800 euros, e outro para a subministración sucesiva e instalación de equipamento de conmutación de rede por un valor estimado de 3.825.894 euros.
Esta contratación é necesaria para impulsar a transformación dixital dos procesos asistenciais e dos sistemas de información que faciliten unha rápida recuperación dos efectos da pandemia da covid. Así mesmo, garante a accesibilidade dos profesionais ao uso de recursos tecnolóxicos para teleasistencia, video consultas, análise de información clínica, etc, e mellora a prestación de servizos aos usuarios, pacientes, familiares e coidadores.
Os obxectivos deste investimento son a renovación e aumento da capacidade de procesamento con 80 novos servidores de ultima xeración que representan un aumento de rendemento dun 70% na capacidade de proceso dos CPDs centrais, e de almacenamento de alto rendemento con 300 TB e sistemas de copia de seguridade, aumentando un 50% a capacidade actual e a electrónica de comunicacións con 530 novos equipos, e, ademais, multiplicando por 10 os anchos de banda nos equipos de core (alcanzando os 100Gbps), como nos equipos de distribución (alcanzando os 25Gbps en conexión de equipamento).
Esta licitación, que vén de publicar o Diario Oficial da Unión Europea, compleméntase coa recente autorización, por parte do Goberno galego, dun acordo marco, por valor de 8.951.500 euros, para renovar de forma sucesiva o equipamento informático dos centros hospitalarios e de atención primaria do Sergas.
Esta medida abrangue a subministración e posta en funcionamento de diverso material informático, entre o que se inclúen ata 19.500 pantallas, máis de 9.000 CPUs, 1.200 ordenadores portátiles e máis de 7.000 teclados. Ademais da adquisición do hardware, tamén se contempla a adquisición de todas as licenzas que son necesarias para o correcto funcionamento dos equipos, así como a instalación inicial do software.

Transformación dixital

A Xunta de Galicia actualiza os equipos existentes no Sergas impulsando con elo a transformación dixital dos procesos asistenciais, nos que as videoconsultas e o traballo colaborativo terán unha maior presenza. Deste xeito, a renovación de equipamento garantirá a accesibilidade dos profesionais ao teletraballo, así como ao emprego de recursos tecnolóxicos para teleasistencia: consultas virtuais, contacto remoto cos pacientes, etc.
As pantallas que vaian sendo adquiridas mediante este acordo marco deberán integrar cámara e micrófono para facilitar o uso da videoconsulta tanto nas consultas de atención primaria como en atención hospitalaria cando así sexa acordado por profesional e paciente. Ao respecto, a nova versión do software da historia clínica electrónica IANUS que se está a instalar nos sistemas do Sergas xa incorpora a posibilidade de xestionar e rexistrar este tipo de consultas non presenciais.

2000 imaxes dixitais, 600 receitas e 370 consultas por minuto

A sanidade galega conta con nove grandes centros de procesos de datos, ten máis de 200 aplicacións informáticas diferentes despregadas nas súas infraestruturas, xa almacena máis de 2 petabytes de información e xestiona máis de 24.000 ordenadores, 2.200 servidores ou 5.300 equipos de comunicación. Cada minuto xéranse 2.000 imaxes dixitais para o diagnóstico clínico, dispénsanse 600 receitas ou xestiónanse 370 consultas clínicas.
A infraestrutura de redes e servidores debe ser reforzada para responder ás esixencias destes usos. A información clínica medra continuamente, demandando un correcto dimensionamento das capacidades de proceso, transferencia e almacenamento e débese facer atendendo á seguridade.