A Xunta pon en valor o traballo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para impulsar medidas de cooperación que melloren a vida da cidadanía

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou en Ponte da Barca (Portugal) na conferencia “Cooperación transfronteiriza: unha axenda de futuro”, onde animou a empregar os fondos europeos para facer unha Eurorrexión “máis competitiva, conectada e verde”

Os fondos POCTEP (Programa operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal) permitiron que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal captase deste programa 163 M€ a través de 85 proxectos, e conta con seguir beneficiándose del grazas ao incremento do 11% da súa dotación
 

Ponte da Barca (Portugal), 27 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, interveu hoxe na localidade portuguesa de Ponte da Barca na conferencia Cooperación transfronteiriza: unha axenda de futuro, onde puxo en valor o traballo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para impulsar medidas de cooperación que melloren a vida da cidadanía, sobre todo na zona da fronteira.
Nun encontro no que tamén participou o presidente da Câmara Municipal de Ponte da Barca, Augusto Marinho, Alfonso Rueda destacou o compromiso da Eurorrexión co desenvolvemento da veciñanza e dos axentes implicados tanto en Galicia como no norte de Portugal desde que, no ano 2010, Xunta e CCDR-Norte puxeron en marcha a AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) para traballar na planificación estratéxica da Eurorrexión. “Fomos os primeiros en poñer en marcha unha Comunidade de Traballo e fomos os primeiros en poñer en marcha unha AECT”, recordou.
No contexto actual da crise botouse man do novo Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) 21-27 aprobado este verán co gallo do Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Este documento servirá de instrumento da programación conxunta da Eurorrexión e baséase en cinco obxectivos: traballar en conxunto para unha saída da crise, garantir a cooperación de proximidade, abordar a cooperación atendendo á suma de esforzos dos actores implicados das dúas rexións, fomentar a participación da sociedade civil e contribuír a mitigar o desequilibrio territorial.
Son aspectos básicos cos que se pretende construír unha Eurorrexión máis competitiva e conectada que aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización como instrumentos para a creación de emprego de máis calidade, así como unha comunidade transfronteiriza máis ecolóxica e descarbonizada para afrontar o cambio climático e para unha transición xusta. A Eurorrexión aspira a ser máis social, integradora, resiliente e segura para enfrontar o reto demográfico e as ameazas á saúde pública, así como máis cohesionada en beneficio da cidadanía.

Resolución de problemas na fronteira

Entre as prioridades nos últimos meses figuraron asuntos fundamentais para a poboación da zona, como os peches da fronteira e os problemas que ocasionaron aos traballadores transfronteirizos, de aí que se solicitara de novo aos Gobernos español e portugués que se aprobara o Estatuto do Traballador Transfronteirizo, “como lles viñemos reclamando desde as Eurorrexións nos cumios ibéricos”, recordou o vicepresidente primeiro.
A AECT contribúe tamén ao desenvolvemento dunha cooperación en rede que, no eido da investigación, tradúcese no proxecto Iacobus de cooperación interuniversitaria, mentres que no eido cultural destaca o programa Nortear, que inclúe un premio literario para autores noveis, as conversas entre escritores dos dous lados da fronteira ou os intercambios culturais entre axentes sociais e cidadáns.
Rueda destacou tamén as accións desenvolvidas no campo do turismo, con proxectos como “Facendo Caminho” e outras iniciativas para a promoción do Camiño de Santiago en terras lusas e galegas.
No ámbito económico leváronse a cabo encontros de sectores produtivos que operan na zona, así como incubadoras de empresas e cooperativas, sen desbotar a importancia dos esforzos feitos a prol da homologación dos títulos de Formación Profesional ou a participación nos programas B-Solutions na procura de solucións a problemas como o cruce da fronteira de menores non acompañados, a documentación para o tránsito de vehículos profesionais ou a harmonización das normas para o teletraballo.
A Eurorrexión confía en beneficiarse da continuidade dos fondos POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal), do que se prevé un incremento dun 11% na súa financiación. A anterior convocatoria deses fondos permitiron captar para a Eurorrexión 163 M€ para o desenvolvemento de 85 proxectos, e Alfonso Rueda chamou a atención sobre o feito de que ese aumento de capital estea relacionado “co bo aproveitamento que nesta fronteira estamos a facer dos fondos comunitarios”.
O vicepresidente primeiro da Xunta recalcou que estes resultados no son só consecuencia do traballo institucional, xa que tamén están implicadas as universidades, o tecido empresarial, os axentes sociais e a sociedade en xeral aos dous lados da fronteira. “De sempre, a cidadanía de Galicia e do norte de Portugal viviron e traballaron conxuntamente, e máis na zona da fronteira -indicou-. Temos elementos de conexión como a lingua e a cultura que nos vencellan desde o pasado e que dende hai séculos puxeron os piares do traballo que hoxe estamos a desenvolver”.

Imaxes relacionadas