O titular do Goberno galego asistiu esta tarde ao acto de entrega do Premio Diego Bernal 2022, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia

Feijóo enxalza o labor dos medios galegos por facer un xornalismo útil, clave para manter unida á sociedade ante unha pandemia que illa e rompe os afectos

Resalta a responsabilidade dos medios galegos que, durante a covid, “informaron sempre con moita fiabilidade e sen dar espazo aos bulos”

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe o labor dos medios de comunicación galegos por facer un xornalismo útil, clave para manter unida á sociedade ante unha pandemia que pandemia que illa, rompe as relacións sociais e os afectos.

Durante o acto de entrega do Premio Diego Bernal 2022, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia e que se lle concede a Carmen Merelas, Feijóo resaltou a responsabilidade dos medios galegos que, durante a covid, “informaron sempre con moita fiabilidade e sen dar espazo aos bulos”.

“Por iso considero que os periodistas galegos merecen estar entre os profesionais clave durante a pandemia porque foron capaces de evitar que a sociedade se infectase polo virus da desinformación”, engadiu.

O titular do Executivo autonómico destacou a traxectoria profesional da galardoada, “premio á versatilidade”, dixo, recordando ademais que Carmen Merelas é a primeira muller directora dun xornal galego. “Estamos a falar, en definitiva, dunha traxectoria profesional que acredita que fai un xornalismo útil”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta