A Xunta abre o prazo de presentación de ideas para o concurso de reordenación de espazos no peirao de Portonovo

A convocatoria está impulsada conxuntamente co Concello de Sanxenxo e conta coa colaboración do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia

Os licitadores terán un prazo de 75 días para presentar as súas propostas e optarán a un primeiro premio de 25.000 euros, un segundo de 10.000 e un terceiro de 5.000 euros

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de abrir o prazo de presentación de propostas ao concurso de ideas que o ente público impulsa conxuntamente co Concello de Sanxenxo para a reordenación de espazos no peirao de Portonovo. Esta convocatoria realízase en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia, cos que as dúas administracións públicas teñen en vigor un convenio de colaboración para o desenvolvemento desta iniciativa.
Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, na páxina web oficial de Portos de Galicia  e nas webs oficiais dos colexios de enxeñeiros e arquitectos a través do enlace https://formacion75.wixsite.com/concursoportonovo. Os licitadores terán un prazo de 75 días naturais desde onte -data de publicación da convocatoria- para presentar as súas ofertas.
O prego de condicións que rexe o concurso recolle un orzamento total de 40.000 euros para os premios coa seguinte distribución: 25.000 euros no caso do primeiro, 10.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. Estas cantidades serán asumidas por Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo ao 50% como principais impulsores da proposta.
Entre as directrices que deberán integrarse nas propostas técnicas que se presenten establécese como básico o mantemento das actividades portuarias: pesca e as súas actividades complementarias -lonxa, fábrica de xeo, departamentos para almacenaxe de aparellos de pesca, nave de redes e superficies de traballo-, pasaxe, náutico-deportivo e os servizos complementarios: escola náutica, atracada para exhibición de embarcacións tradicionais e instalacións portuarias -foso para travel lift e rampla-, superficie de varada, botadura e reparación de embarcacións e servizos portuarios.
Ademais procúrase ter en conta unha boa solución, segura e fluída, para o acceso rodado á zona portuaria, sen restricións de dimensións e coa posibilidade de convivencia con outros usos e futuras necesidades provocadas polo incremento da actividade. Tamén a dotación de prazas de aparcadoiro tendo en conta ademais a contorna marcadamente urbana.
Os parámetros para a puntuación das candidaturas primarán a calidade arquitectónica e de enxeñaría, valorándose a calidade da proposta que potencie a dinámica portuaria e incorpore o uso de interacción porto-vila de Portonovo en condicións de convivencia e de seguridade. Ademais valorarase a viabilidade económica e desenvolvemento construtivo da proposta, a sustentabilidade ambiental e a eficiencia enerxética así como a menor contaminación luminosa e a redución dos custos de mantemento do equipamento.