A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu esta tarde o Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible, que informou a favor do decreto

O Plan reitor do Parque Natural do Xurés supera o último trámite antes da súa aprobación definitiva no mes de febreiro

Ángeles Vázquez subliña que coa entrada en vigor do PRUX do Xurés se dará un paso máis para cumprir co obxectivo de que este mesmo ano os seis parques naturais e o parque nacional de Galicia teñan un instrumento propio de xestión e protección

No documento, consensuado con concellos, comunidades de montes e axentes ligados ao territorio, regúlanse os usos nas diferentes zonas, define un plan de emerxencias e prevé deseñar un protocolo ante os incendios e para zonas afectadas

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés terá en febreiro o seu primeiro Plan reitor de uso e xestión (PRUX). O documento foi informado hoxe favorablemente polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible (Cogamads) durante unha reunión telemática presidida pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Deste xeito, o PRUX do Xurés dá un paso decisivo de cara á súa aprobación definitiva xa que supera o último trámite formal antes de ser remitido ao Consello da Xunta, que previsiblemente o tomará en consideración no mes de febreiro.

Tal e como subliñou a conselleira durante a súa intervención no Cogamads, a Xunta achégase así ao obxectivo de lograr que antes de que remate 2022, os seis parques naturais e o único parque nacional da Comunidade dispoñan dun instrumento propio de xestión e protección, deseñados acorde ás súas características e necesidades específicas.

Neste sentido, lembrou que está previsto publicar o Plan reitor de uso e xestión das Fragas do Eume este mesmo ano, co que se remataría o proceso de actualización normativo de todos os parques naturais galegos.

Clarificación de usos e zonas para optimizar a xestión

O PRUX da Baixa Limia–Serra do Xurés será o sexto que verá a luz nos últimos anos, despois da aprobación do plan reitor do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en 2018, ao que se sumarían un ano despois os dos parques ourensáns de Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro, e xa en 2021, o do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

De feito, a conselleira lembrou que a última vez que presidiu o Cogamads —en maio de 2021— foi precisamente para informar sobre o PRUX do parque de Corrubedo.

Tras subliñar que ao longo de 2021 a Xunta realizou unha exhaustiva rolda de contactos con concellos, comunidades de montes, empresas e outras entidades do Xurés para redactar un documento de xestión “o máis consensuado posible” e que recollera as sensibilidades dos principais actores presentes no territorio, Ángeles Vázquez amosouse satisfeita co resultado final, un documento, dixo, que vén clarificar os límites da zonificación do parque natural para garantir a “compatibilidade” entre a conservación dos recursos naturais e as distintas actividades que se desenvolven neles.

En concreto, explicou que o PRUX está organizado ao redor de catro programas: un co fin de garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural do Xurés; un segundo programa orientado á investigación, seguimento e avaliación; outro de xestión do uso público; e o cuarto, centrado na mellora das infraestruturas, instalacións e equipamentos do parque natural. Ademais, tamén prevé un Plan de emerxencia para intervir de forma rápida e eficaz ante posibles eventualidades.

Por outra banda, o decreto do PRUX —que actualizará o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque do ano 2009— presta especial atención á prevención e actuación fronte aos incendios forestais, co fin de reducir e minimizar o seu impacto nesta zona.

Así, entre outras cuestións prevé promover o deseño e desenvolvemento dun plan de infraestruturas e accións preventivas fronte ao lume para conservar o medio natural; medidas correctoras do territorio afectado de forma reiterada por este fenómeno; a redacción dun plan de recuperación e conservación das masas frondosas autóctonas; e a creación de cortalumes verdes mediante a plantación de árbores frondosas que actúen, á vez, de conectores ecolóxicos dentro do parque natural.

Catro zonas para o parque máis grande de Galicia

En canto á zonificación, proponse dividir a superficie do parque natural en catro grandes áreas: zona I de reserva, que inclúe aqueles espazos que requiren dun alto grao de protección; zona II de uso limitado, constituída por áreas que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; zona III de uso compatible, na que se inclúen ámbitos cun valor de conservación medio por integrar no territorio certo nivel de humanización, principalmente por actividades tradicionais agrícolas e plantacións forestais tamén tradicionais; e zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

Por último, cómpre lembrar que o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, declarado en 1993, é o de maior extensión dos seis existentes en Galicia, cunha superficie de 30.000 hectáreas nas que destaca o predominio da pedra granítica e unha paisaxe que conxuga serras agrestes e suaves, cunha altitude media por riba dos 1.000 metros.
 

Imaxes relacionadas