A Xunta remata a rehabilitación integral do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia cun investimento de 842.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, David Castro, supervisa a completa modernización do colexio, que incluiu actuacións en fachadas, cubertas, carpintarias exteriores, fiestras, instalacións, iluminación e illamento dos seus tres edificios

A actuación só está pendente duns pequenos detalles e tamén serviu para instalar sistemas de acondicionamento acústico, melloras na accesibilidade e a remodelación da rede de calefacción con sistemas sostibles a través de biomasa

Ribadumia, 26 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar as obras de rehabilitación integral do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia para modernizar por completo as súas instalacións e outorgar máis confortabilidade á comunidade educativa cun investimento de 842.000 euros.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Ribadumia, David Castro, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, supervisou este mediodía as actuacións realizadas neste colexio do Salnés, que consistiron na renovación de fachadas, cubertas, carpintarías exteriores, fiestras, instalacións, iluminación e sistemas de illamento dos seus tres edificios.

“A falla duns pequenos detalles, vimos de rematar outra obra educativa máis na que apostamos pola comodidade para alumnos, docentes e persoal e que se facía moi necesaria en Ribadumia, xa que algúns dos inmobles do centro xa tiñan corenta anos de antigüidade, e ademais fixémolo apostando pola eficiencia, a amplitude, a polivalencia e a funcionalidade que nos marcan os criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, detallou o representante autonómico.

O edificio central, que é o de maior antigüidade, beneficiouse da maior parte da actuación, xa que no mesmo mudouse a práctica totalidade da carpintaría exterior, cambiouse a fachada e dotouse de cámara de aire, renováronse as cubertas, instaláronse falsos teitos con acondicionamento acústico para favorecer o desenvolvemento das clases, colocáronse luminarias Led eficientes con detectores de presenza, activouse un ascensor con pasarela para avanzar na accesibilidade e eliminouse o antigo depósito de gasóleo.

Pola súa banda, no segundo edificio, tamén con catro décadas de historia, actuouse nas fachadas, as cubertas, os falsos teitos e a instalación de iluminación Led de baixo consumo, mentres que no terceiro inmoble, que alberga as clases de Educación Infantil e foi construido hai dez anos, repetíuse a mellora das fachadas e das luminarias e instalouse unha nova rede de calefacción de biomasa para gañar en eficiencia e sostibilidade con respecto ao anterior sistema eléctrico.

Imaxes relacionadas