A Xunta destina 340.000 euros para financiar os gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios Protección Civil

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de subvencións a través da que a Xunta leva destinados case 4M€ para apoiar o mantemento das agrupacións

Estas axudas complementan a outra orde anual co obxectivos dotar de material de emerxencias ás AVPC destes municipios

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da orde de axudas destinada a financiar os gastos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 340.000 euros.
As achegas do Goberno galego permitirán apoiar ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade e poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; así como os custos de actuación levadas a cabo pola agrupación ou ocasionados pola formación dos seus membros e o pago de seguros para os voluntarios das AVPC relacionados co desenvolvemento do seu traballo. Tamén se sufragarán a través desta orde, os gastos derivados do mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base e medios de intervención xunto co equipamento de material informático e de comunicacións.

Poderán beneficiarse desta liña as AVPC constituídas na comunidade e rexistradas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil de concellos ou mancomunidades de menos de 50.000 habitantes. Para optar ás axudas, as entidades interesadas deberán presentar as solicitudes a partir de mañá e no prazo dun mes a través da sede electrónica da Xunta http://sede.xunta.gal.

A Xunta leva destinados máis de 4 millóns euros dende o ano 2009 para financiar os gastos de funcionamento das agrupacións. Por provincias, as agrupacións de A Coruña contaron con 1,5 millóns de euros, as de Ourense con preto de 1,3 millóns de euros, e as de Pontevedra e Lugo, 876.000 e 741.000 euros respectivamente.
Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos galegos. Con este obxectivo, tense habilitado outra liña de subvencións en especie para reforzar o seu equipamento.

A Xunta destinou á convocatoria do ano pasado máis de 1 millón de euros para equipar a estas agrupacións con 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, 8 coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.
O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias dos servizos de emerxencias no conxunto da comunidade achégase aos 20 millóns de euros, máis de 11 millóns de euros para as AVPC e 8 millóns para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Imaxes relacionadas