A Xunta e a Deputación de Ourense acordan o incremento das plantillas e a mellora do funcionamento dos 12 GES da provincia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o convenio que permitirá aplicar nos Grupos de Emerxencia Supramunicipais da provincia as melloras propostas pola Xunta

As medidas inclúen aumentar as plantillas dos subGES de Muíños, Laza, Ribadavia e Avión con 16 novos efectivos para que cada un deles conten con 12 membros

Tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova e actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos 12 GES da provincia para adaptalos ao seu custo real
 

Muíños (Ourense), 24 de xaneiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre a Xunta, a Deputación provincial e a FEGAMP en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que permitirá incrementar as plantillas e mellorar o funcionamento dos 12 GES da provincia ourensá. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
Deste xeito, a Xunta asumirá máis da metade do custo de funcionamento anual, con máis de 1,9 millóns de euros dos máis de 3,7 millóns que supón o orzamento do acordo cada un dos tres anos polos que se asina e incluíndo as melloras propostas pola Xunta.
A decisión das demais deputacións provinciais de rexeitar as medidas obrigou a asinar outros convenios -un conxunto dun ano coas deputacións da Coruña e Lugo e un de dous anos coa Deputación de Pontevedra- mantendo as condicións do anterior acordo e sen aplicar as melloras previstas para Ourense e impedindo ademais a creación dun subGES previsto para O Grove, o que creará como advertiu o vicepresidente primeiro unha situación de desigualdade na atención das emerxencias na comunidade.
Así por unha parte, segundo o convenio asinado hoxe, completaranse os GES da provincia ourensá para que conten con 12 efectivos, o que suporía un incremento nas plantillas dos grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros. Polo tanto, suporía sumar 2 efectivos no GES de Lobios, 3 no de Muíños, 6 no de Laza, 2 no de Ribadavia e 3 no de Avión, é dicir, 16 novos integrantes.

Ao abeiro deste acordo, tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova ata os 320.000 euros fronte aos 155.000 e actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013.

A pesar de que este ano se asinarán acordos distintos, o ano pasado foi posible crear 6 novos grupos e contar cun convenio único grazas ao acordo conxunto entre a Xunta, as deputacións provinciais e a FEGAMP. Deste xeito, mediante o anterior convenio incorporáronse o ano pasado ao mapa de emerxencias de Galicia dous GES en Ourense -os de A Veiga e Maceda- xunto con outros tres en Pontevedra -os de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela- ademais do servizo municipal de Noia.

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do funcionamento do custo anual dos GES, con máis de 40 millóns de euros investidos nos últimos anos. Así, dos 19,7 millóns de euros do orzamento global asinados a 30 de decembro de 2021 para o funcionamento dos GES durante os vindeiros anos na comunidade, a Xunta achegará 10,3 millóns -o 52,2%- co obxecto de garantir o óptimo funcionamento destes grupos.

Nos últimos anos a Xunta realizou ademais un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios investimento de case 20 millóns de euros, máis de 11 millóns para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e 8 millóns de euros para os GES.

Por iso, Alfonso Rueda destacou a necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños.
 

Imaxes relacionadas