Fernández-Tapias supervisa as obras de acondicionamento do novo Centro de Formación e Recursos do Profesorado

A decisión do Concello de expulsar aos docentes do Instituto Municipal de Educación que ocupaban desde hai máis de 30 anos, obrigou á Xunta a buscar unha alternativa

A delegada territorial en Vigo informou que os traballos, nos que se están a investir máis de 236.000 euros, avanzan a bo ritmo e remataran o vindeiro mes de febreiro
 

Vigo, 24 de xaneiro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o edificio contiguo ao CEIP Virxe do Rocío para supervisar as obras de acondicionamento do inmoble que albergará a sede administrativa do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR).
Unha intervención na que o Goberno galego está a investir máis de 236.000 euros para adaptar o inmoble ao novo servizo. Neste sentido, a representante autonómica recordou que esta actuación vén condicionada pola decisión municipal de "expulsar" aos docentes do edificio de O Chouzo, no que viñan recibindo formación desde hai máis de 30 anos.
Insistiu en que a Administración galega viuse obrigada a buscar unha alternativa tras anunciar o Concello vigués que o Instituto Municipal de Educación que ata o ano pasado ocupaba o Centro de Formación e Recursos do Profesorado ía ser destinado á escola infantil de Santa Marta, que tivo que pechar no Casco Vello debido ás obras de urbanización do Barrio do Cura.
Así, durante a visita na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez, a directora do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, Consuelo Rivera e a directora do CEIP Virxe do Rocío, Ángela Novoa, e técnicos do departamento autonómico, informou que a intervención avanza a bo ritmo e que previsiblemente en febreiro estará terminada.
Uns traballos que, tal e como informou, consistiron en adecuar os espazos ás novas necesidades, corrixindo algunhas patoloxías existentes na edificación e realizando cambios de distribución na procura de mellorar a súa funcionalidade.
Intervencións que abarcaron desde a cuberta do edificio á substitución de materiais construtivos tanto interiores como exteriores (carpintería, tabiquería, pintado, acabados e substitución de sanitarios). Asemade, realizáronse actuacións de fontanería, saneamento, calefacción e iluminación.
Segundo precisou Fernández-Tapias, a instalación é compatible cos usos actuais do edificio, que teñen unha parte ocupada para actividades complementarias e extraescolares, pero que dispoñía de espazos libres.
 

Imaxes relacionadas