A Xunta dedica 6M€ a axudas para fomentar o emprego na economía social e impulsar este modelo económico

O Goberno galego está reforzar os apoios á economía social, unha fórmula que segue a crecer en Galicia con 3.148 entidades activas, 155 novas en 2021

O programa Aprol Economía Social suma 3,8M€ en axudas directas a cooperativas e sociedades laborais

Un millón de euros dirixiranse ás empresas de inserción laboral para a contratación de 130 persoas en risco de exclusión social

Continuarase promovendo a economía social a través da Rede Eusumo con 683.000 euros o próximo ano, así como o asociacionismo no sector con 330.000 euros

Galicia contará en 2022 cun total de 35 millóns de euros, un 6% máis que en 2021, para crear e fomentar o emprego no sector

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022

A Xunta seguirá a impulsar en Galicia a economía social, con axudas que xa empezou a activar no Diario Oficial de Galicia ou que sairán nos próximos días, que suporán un investimento total de 5,8 millóns de euros. Trátase, dunha banda, de apoiar o emprendemento neste sector por medio do programa Aprol Economía Social (3,8M€); de impulsar a contratación nas empresas de inserción laboral de persoas en risco de exclusión social (1M€); de promover esta fórmula empresarial a través da Rede Eusumo (683.000 euros); e de financiar os gastos de funcionamento das entidades da economía social (330.000 euros).
A primeira das liñas de axuda, convocada o pasado venres, 21 de xaneiro, o programa Aprol Economía Social, inclúe apoios directos ás cooperativas e sociedades laborais, grazas aos que se espera beneficiar a 120 cooperativas e sociedades laborais e incorporar uns 250 novos socios. O programa contempla dúas liñas compatibles entre si: a primeira, á que se destinarán 2,1 millóns de euros, persegue o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios. A segunda, cun investimento de case 1,7 millóns, promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.
A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.

Contratación en empresas de inserción laboral

A Xunta de Galicia apoiará, por outra banda a unhas 14 empresas de inserción laboral na contratación de 130 persoas en risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres años. A convocatoria sairá publicada este mércores no DOG e inclúe como requisito que as entidades solicitantes deberán ter un 30% do cadro de persoal ocupado por estes perfís e a duración dos contratos deberá ser superior aos 6 meses con xornadas laborais por riba do 50%.
O programa da Xunta prevé o financiamento dos custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Ademais, inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.
Na última convocatoria, a de 2021, un total de 11 empresas resultaron beneficiarias, o que permitiu incorporar ás mesmas a 129 persoas.

Rede Eusumo e gastos de entidades

A terceira das convocatorias que se activará mañá martes, destínase a apoiar a actividade das entidades da Rede Eusumo, creada en 2012 polo Goberno galego para impulsar iniciativas de economía social. Destinaranse en 2022 un total de 683.000 euros, un 7,7% máis que en 2021, coa previsión de beneficiar a preto de 50 entidades e a través das actividades que desenvolvan, a unhas 4.000 persoas.
Por último, a Xunta investirá 330.000 euros (+10% que en 2021) a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas do sector co obxecto de procurar un axeitado desenvolvemento destas estruturas e favorecer a súa consolidación.
O investimento global nas catro axudas de case 6 millóns de euros forma parte do orzamento conxunto que o Goberno galego destinará o próximo ano a crear e fomentar o emprego na economía social. Sumará en total máis de 35 millóns de euros, un 6,1% máis que en 2021, un ano no que coas axudas autonómicas apoiouse a 281 entidades e á consolidación de 458 postos de traballo.
A Xunta segue a reforzar deste modo a economía social en Galicia, que continúa a crecer en Galicia con 3.148 entidades activas, 155 constituídas en 2021, o que supón un aumento do 5%. Esta fórmula ten demostrado sobrada capacidade para xerar emprego tendo un papel destacado na economía galega, xa que representa o 7% do seu PIB.

Imaxes relacionadas