O centro a Aixola oferta preto de 130 prazas en distintas accións formativas para o sector pesqueiro

As clases son gratuítas, desenvolveranse entre marzo e decembro deste ano e a prescrición está aberta e pode facerse a través da páxina web do centro

Marín (Pontevedra), 23 de xaneiro de 2022

O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, impartirá sete novos cursos e outras accións formativas durante este ano cunha oferta de 129 novas prazas. Estas accións, que se impartirán na súa sede situada no porto de Marín, desenvolveranse entre marzo e decembro e supoñen máis de 2.100 horas de formación de carácter gratuíto.
Poderanse beneficiar destas formacións operarios do sector pesqueiro, así como pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A preinscrición está aberta e pode facerse a través deste enlace á páxina web do centro.
O programa de 2022 contará con novas formacións coma as de Operacións de habilitación de embarcacións menores, que capacita para elaborar traballos de tapicería e madeira, e Reparación de flotadores de embarcacións, da área dos servizos náuticos. Ademais ofertarase unha nova formación de modelado de poliéster, denominada Modelado manual de poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, que permite completar as competencias adquiridas nos cursos de laminación ofertados en anos anteriores.
A maiores, volverán ofertarse cursos de grande demanda no eido das instalacións eléctricas e mecánicas, coma os de "Mecánica básica en motores menores" e "Electricidade e hidráulica básica". Completando o programa, ofertaranse dúas formacións que permiten a obtención dos certificados de profesionalidade de "Operacións auxiliares de mantemento de elementos estruturais e de recubrimento de superficies de embarcacións deportivas e de recreo" e de "Mantemento de artes e aparellos de pesca". Para cada un dos cursos anteriores hai 12 prazas previstas.
O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación participando nun dos dous módulo de busca de emprego e noutro de autoemprego con titorías personalizadas sobre creación de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego. Para cada un destes tres módulos prevense 15 prazas.
A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.