A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe no acto de presentación da cafetería da estación de autobuses intermodal ‘O balcón das Brañas’

Ethel Vázquez subliña a estación intermodal de Santiago como clave na modernización da cidade, preparada para recibir canto antes os trens de Alta Velocidade

Vázquez Mourelle destaca o papel desta infraestrutura como porta de entrada do turismo no dobre Ano Xacobeo 2021-2022, que incrementará o seu potencial cando o Goberno de España acometa as obras, inminentes, de reforma ferroviaria

Salienta o intercambio áxil e seguro entre o autobús e o ferrocarril coa posta en servizo, en maio, da terminal de autobuses, e da pasarela impulsada pola Xunta en colaboración co Concello e o Ministerio de Transportes, cun orzamento global de máis de 18 M€

Cualifica a estación intermodal como un gran centro de transporte público e de acceso ao transporte interurbano, integramente renovado pola Xunta, e destaca a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 105.000 menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia

Incide na necesidade de dispor dos trens AVRIL de rodadura desprazable que completen o Camiño de Santiago do AVE e acheguen os tempos de viaxe comprometidos con Madrid

Subliña a conveniencia de comezar a planificar a modificación do ancho de vía entre Ourense e Santiago para facilitar a chegada do AVE á capital e, sobre todo, dos competidores que contribúan a ofrecer máis frecuencias e mellores prezos
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe a estación intermodal de Santiago como clave na modernización da cidade, preparada para recibir canto antes os trens de alta velocidade.

Vázquez Mourelle participou esta mañá, xunto co alcalde de Santiago, no acto de presentación da cafetería da estación de autobuses intermodal ‘O balcón das Brañas’. Esta nova peza completa unha infraestrutura, a estación de autobuses intermodal, impulsada polo Goberno galego co obxectivo de constituír un gran nodo de transporte público preto do centro urbano e para facer cidade na capital de Galicia que é, ademais, o gran escaparate do turismo na Comunidade.

A conselleira incidiu en que a estación intermodal é unha nova porta de entrada ao turismo, na que é posible realizar un intercambio áxil e seguro entre o autobús e o ferrocarril. A estación de autobuses, preparada para albergar 2 millóns de viaxeiros ao ano, xunto coa pasarela impulsada pola Xunta en colaboración co Concello e o Ministerio de Transportes, supuxeron un orzamento total que supera os 18 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegou 14,5 millóns.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo o acento na posta en servizo, en maio de 2021, da estación de autobuses intermodal e da pasarela construídas pola Xunta, e axeitadamente complementadas cos accesos executados polo Concello de Santiago, como un recurso máis ao servizo da celebración, extraordinaria e histórica, do dobre Ano Xacobeo 2021-2022.

Ethel Vázquez cualificou a estación intermodal como unha peza clave na modernización de Santiago, que o será máis aínda en canto o Goberno de España acometa as obras, inminentes, de reforma ferroviaria.

Salientou que a intermodal actúa como un gran centro de transporte público desde o que os cidadáns teñen acceso a un sistema de transporte interurbano por estrada integramente renovado pola Xunta e preparado para levalos e traelos desde máis lonxe. Lembrou que os menores de 21 anos poden viaxar gratis nos autobuses da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova, un dispositivo que xa utilizan máis de 105.000 rapaces da Comunidade.

A conselleira incidiu en que desde o pasado 21 de decembro a cidade viu reducido de forma significativa o tempo de viaxe con Madrid, grazas ao remate das obras da liña de alta velocidade entre Madrid e Ourense, pero aínda non viu cumprido o obxectivo de recibir o AVE e de que o tempo de viaxe entre Compostela e Madrid se estableza nas 2 h 50’ comprometidas. Para iso, subliñou, é preciso dispor dos trens AVRIL de rodadura desprazable que completen o Camiño de Santiago do AVE e acheguen aos tempos de viaxe comprometidos con Madrid.

Ethel Vázquez lembrou que onte mesmo o Goberno galego trasladou á ministra de Transportes os retos pendentes, entre eles, a necesidade de comezar a planificar a modificación do ancho de vía entre Ourense e Santiago para facilitar a chegada do AVE á capital e, sobre todo, dos competidores que contribúan a ofrecer máis frecuencias e mellores prezos.
 

Imaxes relacionadas