As empresas galegas de transformación e de cultivo de produtos do mar reciben preto de 10 M€ en axudas para paliar as perdas de ingresos en 2020 pola covid-19

A Xunta apoia así as firmas destes dous sectores que entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro do primeiro ano da pandemia rexistraron perdas de polo menos un 20% en relación á media de facturación nos tres anos anteriores

Estas achegas adiáronse ata 2021 para agardar a coñecer con exactitude o impacto da crise nas contas do exercicio 2020 e pretenden contribuír a que as empresas do sector poidan facer investimentos, recuperen actividade e volvan aos niveis previos á alerta sanitaria, o que redundará en beneficio do conxunto da economía de Galicia

Estes apoios extraordinarios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia e súmanse ás achegas que a Consellería do Mar convoca anualmente para investimentos nestes dous sectores, que este ano suman máis de 30 millóns de euros de orzamento

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

As empresas de transformación e cultivo de produtos do mar de Galicia recibirán preto de 10 millóns de euros en axudas para compensar a caída de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19. É a contía das achegas aprobadas nas resolucións das convocatorias de apoios realizadas pola Consellería do Mar durante o ano pasado para apoiar ás empresas destes dous sectores e recollidas nun informe que analizou hoxe o Consello da Xunta.
A primeira das ordes, destinada ás empresas de transformación de produtos do mar e da acuicultura, resolveuse coa aprobación de 24 axudas por importe de preto de 6,2 millóns de euros. Mentres, no caso das empresas de cultivo de produtos do mar aprobáronse 325 expedientes de achegas por importe de 3,5 millóns de euros que beneficiaron a un total de 450 establecementos de acuicultura.
Con estes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a Xunta subvenciona ata o 50% das perdas de facturación rexistradas sempre e cando estas fosen de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-. No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, deberon estar operativas durante polo menos o ano natural 2019 completo e o cálculo realizouse tendo en conta os datos dos anos correspondentes.
Estas achegas pretenden contribuír a que as empresas do sector poidan facer investimentos, recuperen actividade e volvan aos niveis previos á pandemia, o que redundará en beneficio do conxunto da economía de Galicia.

Plan Avantemar

Estes apoios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro após a pandemia e que supón unha inxección de 77 millóns de euros en 2020 e arredor de 13 millóns neste ano no complexo mar-industria.
As convocatorias destas compensacións aos sectores da transformación e cultivo dos produtos do mar deriváronse no tempo co obxectivo de atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados. De aí que fose preciso agardar a coñecer con exactitude o impacto da crise nas contas do exercicio 2020.
Dentro do plan Avantemar tamén se xestionaron axudas a outros sectores profesionais como a frota activa e inactiva durante a covid-19, a frota de palangre de superficie, os profesionais do marisqueo que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia, as organizacións de produtores, as confrarías e entidades xestoras de lonxas e as redeiras.
Os apoios extraordinarios para compensar as perdas de ingresos nas empresas de transformación e cultivo de produtos do mar no ano 2020 como consecuencia da pandemia súmanse ás achegas que a Consellería do Mar convoca anualmente para investimentos nestes dous sectores.

En concreto, a Xunta destina 19 millóns de euros á convocatoria deste ano de axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar e máis de 11 millóns de euros á de investimentos no eido da acuicultura.