O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, Congacode, aprobou o Plan anual 2022 da cooperación galega

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, presidiu a reunión, na que tamén se fixo balance do plan de 2021 que foi executado ao 100%

No encontro aprobouse ademais a continuidade da Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega e a prórroga do IV Plan Director para o 2022

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se presentou e aprobou sen votos en contra o Plan anual 2022 da Cooperación Galega, que contará cun orzamento de 7,8 millóns de euros, un 5,2% máis que o Plan de 2021.
Neste Plan anual 2022, enmarcado no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que seguirá vixente no ano presente, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de acción humanitaria e de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, así coma a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.
Ademais, no 2022 manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria e tendo en conta o actual contexto da pandemia da covid-19. Nesta liña, está prevista a sinatura de convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e UNICEF entre outras organizacións.
Na reunión tamén se deu conta das actuacións levadas a cabo no marco do Plan anual 2021 da Cooperación galega, que tivo un grao de execución dun 100%, así das actuacións levadas a cabo ao longo do ano por outros departamentos da Xunta de Galicia no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.

No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento do sistema galego de cooperación, o Plan 2022 recolle a sinatura de convenios con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD; o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; as tres universidades galegas; así como as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa Cooperación Galega: O mundo que queremos.
Por outra banda, deuse conta do balance do Plan Anual 2021, que foi executado na súa totalidade, e que contou cun orzamento inicial de 7,4 millóns de euros. Ademáis, aprobouse a proposta de continuidade da Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega para o ano 2022.

Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode)

O Congacode é o órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.

Imaxes relacionadas