A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a lonxa de Aguiño para coñecer as últimas melloras introducidas nos seus equipamentos

Galicia destina 7,4 M€ a proxectos para equipar e modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar

O Diario Oficial de Galicia publicará nas vindeiras semanas a convocatoria de 2022 destas axudas para actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións dependentes das confrarías, as condicións de traballo dos pescadores e a calidade e control dos produtos desembarcados

Destas achegas poderán beneficiarse, entre outras entidades, as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores da pesca, as cooperativas e as asociacións de marisqueo a pé e de redeiras sen ánimo de lucro

A titular de Mar subliñou que estes apoios contribúen a mellorar as condicións de traballo do sector e a aumentar a súa competitividade

Ribeira (A Coruña), 19 de xaneiro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Aguiño, no concello de Ribeira, que nos últimos anos se beneficiou de distintas axudas para mellorar as súas infraestruturas e as condicións de traballo dos pescadores. Unhas achegas, informou a titular de Mar, ás que na convocatoria deste ano o Executivo galego destinará 7,4 millóns de euros a distribuír nas anualidades 2022 e 2023.

Esta orde de achegas, que se publicará en vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia e que está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ten como obxectivo optimizar o funcionamento dos portos, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar.

Segundo destacou a titular de Mar, destas axudas poderán beneficiarse as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores da pesca, as cooperativas e as asociacións de marisqueo a pé e de redeiras. Tamén poderán optar a elas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal. Todas elas deben ser entidades sen ánimo de lucro.

Ademais Rosa Quintana lembrou que con estas achegas se subvenciona ata o 100% do investimento e detallou que son obxecto delas as actuacións que buscan mellorar a eficiencia enerxética das instalacións, avanzar na protección do medio ambiente reducindo a pegada de carbono e mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras. Tamén son subvencionables as iniciativas destinadas a optimizar a protección dos profesionais do sector ante a alerta sanitaria pola covid-19 e a aumentar a calidade e o control dos produtos desembarcados.

Nesta liña, a conselleira destacou que este tipo de equipamentos e actuacións facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen a aumentar a súa competitividade. Ao mesmo tempo, engadiu, favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.

En relación ao ano pasado, a conselleira do Mar lembrou que o Executivo galego puxo a disposición do sector máis de 5 millóns de euros para proxectos cos que modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque. Dentro das achegas aprobadas no 2021, a lonxa de Aguiño beneficiouse dunha axuda de máis de 91.000 euros coa que se instalou un novo pavimento impermeable, se realizaron distintas actuacións de pintado e se substituíron os portais. A estas melloras súmanse outras realizadas nos ámbitos da descarga de produtos, a iluminación e a limpeza e que recibiron axudas entre 2018 e 2020 por un valor total de máis de 310.000 euros.

Imaxes relacionadas