A Xunta reforza desde o vindeiro luns os servizos de autobús entre Ferrol e A Coruña por estrada para atender as poboacións intermedias

Aténdese así a petición dos usuarios e dos concellos de reforzar as comunicacións dos municipios intermedios, tras a activación, o pasado 10 de xaneiro, de 55 novos servizos directos entre A Coruña e Ferrol

As novas adecuacións céntranse, principalmente, na circulación por estrada de frecuencias concretas e na adecuación de servizos aos horarios dos institutos

Prestarase especial atención ás necesidades dos estudantes de secundaria e FP que realizan viaxes entre os municipios de Ferrol, Ares, Mugardos, Pontedeume, Miño e Betanzos, entre outros
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

A Xunta reforzará desde o vindeiro luns, 24 de xaneiro, os servizos de autobús que atenden as poboacións intermedias da conexión entre A Coruña e Ferrol por estrada.

A Xunta atende así a petición dos usuarios e concellos de reforzar as comunicacións dos municipios intermedios, tras a activación, o pasado 10 de xaneiro, de 55 novos servizos directos entre A Coruña e Ferrol.

As peticións trasladadas polos usuarios nos primeiros días de funcionamento da reestruturación das liñas que conectan as dúas cidades permitiron traballar coa maior axilidade nas posibilidades de axuste na nova oferta que potenciou, desde o pasado día 10 de xaneiro, os servizos directos por autoestrada. As novas necesidades achegadas refírense a traxectos por estrada e a servizos concretos nos concellos da contorna en horas de alta demanda.

Así, na conexión entre A Coruña e Ferrol, atendendo unha das solicitudes maioritarias, a Xunta restablecerá a circulación por estrada da última frecuencia que sae da Coruña cara a Ferrol de luns a venres ás 22,00 horas.

Na área de Ferrol, para mellorar os servizos cara a Pontedeume, adáptanse horarios e o percorrido de varias liñas, destacando, entre estes cambios, o do servizo das 08,40 horas que sae de Ferrol cara a Vigo, que adianta a súa saída ás 8:35 e pasa a realizarse por Laraxe (Cabanas).

Con respecto aos horarios, na franxa do mediodía, a expedición das 16,45 horas adiántase ás 15,20 horas, facilitando o regreso dos estudantes da zona de Cabanas, Fene e Pontedeume.

Por outra banda, a liña que une actualmente O Seixo (Mugardos) con Pontedeume, amplía o seu itinerario para saír desde a Praza de Galicia, en Ferrol. Este axuste incrementa a conexión por estrada das localidades da área de Ferrol en horarios axeitados ás xornadas lectivas dos institutos.

Entre Ferrol, Ares e Mugardos optimízanse os servizos de primeira hora da mañá coa creación dunha liña circular que permite atender a demanda existente entre os concellos da área de Ferrol para acudir ao IES de Mugardos e mellorar as conexións de ida e volta aos municipios de Ares e Mugardos.

Tamén se crea unha nova liña Pontedeume-Miño-Betanzos, que contará cun servizo ás 15,25 horas para facilitar os traslados principalmente dos estudantes e que posibilita enlazar co autobús directo de Betanzos á Coruña das 16,30 horas.

Outro punto de atracción de demanda sobre o que se recibiron peticións referidas ao transporte público é o polígono industrial de Bergondo. Para atendelas, créase unha nova liña circular entre Betanzos e A Coruña na que se incorporan paradas dentro do parque empresarial, con servizos adaptados aos horarios de entrada á primeira hora da mañá.

Estes axustes, que se activarán o vindeiro luns, son froito do seguimento continuo que vén realizando a Xunta co obxectivo de cubrir do xeito máis satisfactorio posible as demandas de mobilidade dos usuarios da zona.

A información relativa aos novos axustes nos servizos de autobús estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
 

Imaxes relacionadas