Constitúese a Spin-Off Diversa Technologies coa participación do Sergas e a Fundación Idis e dirixida ao desenvolvemento de medicamentos avanzados
As spin-off son iniciativas empresariais promovidas por investigadores e que se crean pola Administración Sanitaria para explotar novos procesos, produtos ou servizos baseados en coñecementos ou tecnoloxías que proveñen da actividade dos seus investigadores
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, asinou hoxe a formalización da spin-off DiVERSA TECHNOLOGIES, na que participará o Sergas e a Fundación IDIS, xunto cos investigadores que promoven este produto. En representación da Fundación asinou o documento a xerente do Sergas na área sanitaria de Santiago, Eloina Núñez. O acto contou, así mesmo, coa presencia do xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.
DIVERSA TECHNOLOGIES é unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), cuxo obxecto é a comercialización de nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas, co fin favorecer o desenvolvemento de medicamentos avanzados e achegar solucións a necesidades médicas non cubertas.
A contorna de colaboración do IDIS e o Sergas e a interacción con persoal sanitario e investigador en medicina molecular e biomedicina, permitiu identificar unha necesidade común, a de proporcionar solucións que permitan avanzar desde o descubrimento de fármacos ata a aplicación clínica, desde a investigación ata o paciente.
Novas terapias para os pacientes
A forma de entender a medicina evolucionou drasticamente nos últimos anos. A revolución da medicina molecular e a biotecnoloxía, xunto con outras disciplinas e o avance dixital, permite o descubrimento de novas dianas e de novas moléculas terapéuticas fronte ás mesmas. Con todo, a translación destas novas moléculas terapéuticas vese dificultada por limitacións, como problemas de solubilidade, baixa estabilidade en fluídos biolóxicos, e/ou incapacidade para atravesar barreiras biolóxicas e acceder á súa diana.
A tecnoloxía de DIVERSA, baseada en nanoemulsións lipídicas altamente biocompatibles e versátiles, consiste nun vehículo de tamaño nanométrico que permite asociar novos fármacos e biomoléculas (anticorpos, oligonucleótidos, aptámeros, ou péptidos, entre outras) e liberalos con éxito no seu lugar de acción, dando lugar para o efecto terapéutico desexado, e xerando oportunidades para avanzar no desenvolvemento de novas terapias das que poderían beneficiarse miles de pacientes.
A interacción coas empresas farmacéuticas e de biotecnoloxía apuntou na mesma dirección, necesítanse formulacións avanzadas para producir produtos farmacéuticos eficientes.
DIVERSA ten como obxectivo cubrir esta necesidade e dotar a persoal investigador, organizacións e empresas, da tecnoloxía necesaria para formular, testar as súas moléculas, e favorecer o seu avance no seu camiño ata a clínica. Contemplará tres áreas de desenvolvemento complementarias:
-Comercialización de kits “ready-to-use” destinados a persoal investigador e CROs. A venda realizarase a través de distribuidores especializados, e os kits lanzaranse en febreiro de 2022, sendo o primeiro distribuidor Tebu-Bio, con alcance europeo e en Reino Unido.
-Establecemento de acordos de factibilidad e licenza con terceiras empresas. O cliente obxectivo desta vertical son empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas con interese en desenvolver unha formulación para as súas moléculas candidatas. A tecnoloxía DIVERSA permite tempos de resposta rápidos ofrecendo ao cliente prototipos testables en menos de dez semanas.
-Proxectos propios de investigación. DIVERSA desenvolverá proxectos de I+D para terapias que cubran necesidades médicas non resoltas.
Investigadores do Sergas
Sinlar que esta spin-off está promovida pola investigadora do Servizo Galego de Saúde María de la Fuente Freire, xefa do grupo de Nano-Oncoloxía e terapéutica traslacional do IDIS. Tamén participan na mesma, Abi Judit Vázquez, do mesmo grupo de investigación, e Rafael López López, coordinador da área de oncoloxía do IDIS. Así mesmo, está presente o FIDIS e o Servizo Galego de Saúde.
DIVERSA conta ademais con financiamento público competitivo, axudas do IGAPE para novos emprendedores cofinanciada pola Unión Europea, Fondos FEDER Galicia 2014-2020 “ Unha maneira de facer Europa”.