O uso de internet entre as mulleres galegas supera por primeira vez ao dos homes, eliminando a fenda de xénero dixital

Galicia rexistrou en 2020 un 87,8% de usuarias de internet e un 87,5% de usuarios

O uso da de internet entre as mulleres galegas supera, tamén, a media da Unión Europea

A proporción de mulleres que compran a través da rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022

Por primeira vez en 2020 non se observan diferenzas de xénero no uso de internet en Galicia. Neste ano, a Comunidade rexistrou un 87,8% usuarias de internet nos últimos tres meses fronte ao 87,5% dos homes. Ademais, o uso da Rede entre as mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea.

En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de Internet nos tres últimos meses era de 3 puntos porcentuais en 2016 e foi reducíndose paulatinamente ata anularse por primeira vez en 2020. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos.

Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

O uso de dispositivos dixitais

Na actualidade, en Galicia non se rexistra fenda de xénero algunha no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 91,4% das mulleres galegas fronte ao 91,2% dos homes utilizaron estes dispositivos nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é igual ou superior entre as mulleres galegas de máis de 34 anos de idade.

Uso de internet, comercio electrónico e eAdministración

O 87,8% das mulleres utilizaron internet nos últimos tres meses, incrementándose así 2,5 puntos porcentuais nun ano e superando por primeira vez aos homes.

A proporción de mulleres que compran a través da rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%. Compran máis as mulleres por internet ata os 45 anos, e invértese a tendencia nas idades máis elevadas. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,9 puntos á que se rexistra entre as mulleres

Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas. As mulleres están a un punto porcentual no uso da rede dos homes para a obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais.

Tres de cada catro mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 70% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados.

Imaxes relacionadas