O titular do Goberno galego asistiu esta tarde á entrega da Medalla de ouro da Confederación de Empresarios de Pontevedra

Feijóo enxalza o labor da Galicia emprendedora que "non cesa no seu empeño" en superar o grande escollo económico provocado pola pandemia

Destaca a capacidade da Galicia empresarial para xerar benestar, como proba o feito de que en 2021 a Comunidade acadou a cifra récord de menor desemprego

No tocante aos premiados, subliña a extraordinaria labor da UME na protección da poboación civil, destacando en Galicia a loita contra os incendios forestais

Vigo, 12 de xaneiro de 2022

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o labor de Galicia emprendedora que “non cesa no seu empeño” en superar o grande escollo económico provocado pola pandemia. “A todos eles o noso recoñecemento por, a pesar de todas as dificultades, saír ao mundo a triunfar”, dixo, salientando que no pasado mes de outubro Galicia xa superaba os 20.000 millóns de euros en exportacións.

Nesta mesma liña, destacou a capacidade da Galicia empresarial para xerar benestar, como proba o feito de que en 2021 a Comunidade “acadou a cifra récord de menor desemprego, crecendo en máis de 37.000 postos de traballo e en 31.000 afiliacións á Seguridade Social”.

“E esa Galicia emprendedora que sabe como innovar está expectante ante o reparto dos fondos europeos que desexamos todos”, engadiu, durante o acto de entrega da Medalla de ouro da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).

No tocante aos premiados, Feijóo concluíu a súa intervención recoñecendo a traxectoria da ministra Margarita Robles, así como a extraordinaria labor da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na protección da poboación civil, destacando en Galicia a loita contra os incendios forestais, “para salvagardar o noso patrimonio medioambiental e material”.

Imaxes relacionadas