A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou o Muíño dos Mozos, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, rehabilitado grazas a unha subvención autonómica

A Xunta concederá axudas de ata 12.000 euros a asociacións e particulares para accións de mellora e conservación en parques naturais e na Rede Natura 2000

Ángeles Vázquez recorda que os concellos tamén poderán acceder a incentivos de ata 20.000 euros para actuacións en Rede Natura 2000 e de 40.000, se se executa nun dos seis parques naturais de Galicia

Avanza que esta semana o Diario Oficial de Galicia publicará as novas convocatorias bianuais, por 3,84 millóns de euros, coas que se dará continuidade ás edicións anteriores e que permitiron a execución de 440 actuacións

Muíños (Ourense), 12 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia convocará esta mesma semana as ordes de axuda para executar actuacións de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia e nas zonas Rede Natura 2000. Así, os particulares e asociacións ambientais e de custodia poderán acceder a subvencións de ata 12.000 euros para executar proxectos nestes espazos; mentres que os concellos disporán de ata 20.000 euros, se a actuación se realiza nun ámbito Rede Natura, e de 40.000 se a iniciativa se circunscribe nun parque natural.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o Muíño dos Mozos, no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, rehabilitado grazas a unha axuda autonómica; onde sinalou que estas dúas ordes son instrumentos eficaces para recuperar o desenvolvemento de actividades tradicionais e fomentar outras compatibles coa conservación dos espazos.

Explicou que esta posta en valor destes espazos verdes desenvolverase en dúas ordes de axudas bianuais, que suman 3,84 millóns de euros, cuxo prazo de solicitudes se abrirá esta mesma semana, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia; e será dun mes para os interesados.

Adiantou que mañá mesmo -xoves 13- se convocará a relativa a actuacións de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia, dotada con 1,4 millóns de euros, e as axudas poderán cubrir o 100% dos custe subvencionable, ata o máximo o importe establecido para cada beneficiario.

Asemade, o venres 14, publicarase a orde bianual de axudas destinada a actuacións dentro da Rede Natura 2000. Así, disporanse 2,44 millóns de euros para impulsar actuacións que busquen restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade, os sistemas agrarios de alto valor natural e as paisaxes agrarias nestas zonas protexidas.

Neste sentido, invitou aos particulares, asociacións e concellos localizados nun destes espazos a solicitar unha subvención para restaurar humidais, eliminar especies exóticas invasoras, preservar a vexetación de ribeira, restaurar cercas ou muros de cachotería e cantería, a creación de rutas e áreas recreativas ou recuperar elementos históricos patrimoniais ou culturais, como son os hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes.

Vázquez Mejuto recordou que estes incentivos virán a complementar o traballo xa realizado ao abeiro das dúas convocatorias anteriores, que se pechou con 440 actuacións que accederon aos 7,8 millóns de euros dispoñibles, entre as que que atopa a executada pola Comunidade veciñal de montes de man común de Pazos de Barxes, que accedeu a unha axuda de 12.000 euros para rehabilitar o Muíño dos Mozos.

Blindar a riqueza e os valores do patrimonio natural

A conselleira de Medio Ambiente salientou que o Goberno galego definiu unha planificación bianual para blindar a riqueza e os valores do patrimonio natural de Galicia. Así, as ordes de axudas que se convocarán esta mesma semana forman parte dos máis de 25 millóns de euros que mobilizará a Xunta ao longo deste ano para mellorar o estado ecolóxico dos distintos espazos naturais.

Cómpre lembrar o traballo que realizou Galicia para captar fondos europeos que agora se poderán empregar para mellorar o estado dos parques naturais e os espazos da Rede Natura 2000. A modo de exemplo, a conselleira citou os case 2 millóns de euros para levar a cabo proxectos nos outros parques naturais, como por exemplo no das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde se optimizará a dinámica natural da gran duna; no do Invernadoiro, co fin de recuperar o bosque autóctono e zonas de pastizal; e en Fragas do Eume, onde se recuperará a fraga autóctona.
Asemade, na lagoa da Frouxeira en Valdoviño ou a praia de Morouzos en Ortigueira -ambos espazos da Rede Natura 2000- levarase a cabo un proxecto para mellorar en ambos casos a dinámica do sistema dunar, así como a recuperación dos hábitats que acubillan nos mesmos.

Imaxes relacionadas