Fernández-Tapias celebra que un xornal como ‘The New York Times’ faga fincapé nas medidas de xestión implantadas pola Xunta nas Illas Cíes

Vigo, 11 de xaneiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebra que as Illas Cíes sexan un dos 52 destinos mundiais sostibles seleccionados polo prestixioso diario The New York Times e lembra que a súa xestión, como parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, corre a cargo da Xunta de Galicia.

“Celebramos, sobre todo, que un medio tan prestixioso faga fincapé nas medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos, como é a limitación do número diario de visitantes, o que, como din, axudou a protexer o arquipélago e a evitar o turismo masivo”, salienta a delegada.

Así, sinala que a reportaxe subliña os “estritos esforzos de conservación, incluídas as restricións fronte aos vehículos, establecementos hostaleiros e ruídos”, o cal “deixa en moi boa posición a xestión da Xunta”.

Por último, Fernández-Tapias apunta que o título da reportaxe “ben pode ser un resumo do noso desexo para o futuro das illas”, en referencia á cita “neste exuberante arquipélago, manter a raia o turismo é parte do seu encanto”.

“Este alcance internacional e as seis figuras de protección que se concentran no Parque Nacional non son froito dun día, senón dun labor constante por parte do persoal deste espazo durante os últimos anos”, conclúe.

Imaxes relacionadas