A Xunta convoca subvencións por valor de 210.000 euros para as novas edicións dos festivais audiovisuais

Incrementa nun 5% a súa dotación respecto á de 2021 para seguir co seu apoio aos certames organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector

Coa publicación das bases no DOG ábrese o programa de axudas ao audiovisual galego para 2022, que se verá reforzado coas iniciativas que se están a poñer en marcha a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia distribuirá este ano 210.00 euros en subvencións destinadas á organización de festivais profesionais do sector audiovisual, tal como se recolle nas bases da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A dotación para 2022 supón un incremento do 5% respecto ao pasado ano para esta liña de axudas, o que consolida a tendencia continua á alza no seu orzamento e revalida a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento deste tipo de certames.

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas diríxense a asociacións, empresas e entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022. Os interesados teñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas propostas e deben facelo prioritariamente a través da sede electrónica da Xunta (código de procedemento CT215B).

Entre os requisitos exixidos están que estes eventos conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, con 20 proxeccións, así como ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debe conter o 5% de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Industrias e produtos rendibles

Coa aprobación destas bases, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso con este tipo de festivais nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos. Recoñécese, ao tempo, o seu carácter estratéxico como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas localidades e comarcas.
Así, por exemplo, na anterior adxudicación desta liña de axuda, contribuíuse ao financiamento dos gastos da organización de 14 eventos: Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Festival de Cans de Curtametraxes (no Porriño), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Festival Carballo Interplay, Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, 43ª Semana de Cine de Lugo, Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea (na Coruña), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (en Santiago), 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, VI Festival de Cine Inclusivo, Festival Primavera do Cine e Galician Freaky Film Festival (os tres últimos, en Vigo).

Primeira convocatoria audiovisual de 2022

Esta é a primeira das convocatorias do programa anual de subvencións dirixidas especificamente ao sector audiovisual para 2022 que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nas sucesivas semanas publicaranse tamén as liñas de axudas a producións e coproducións audiovisuais, impulso ao talento, desenvolvemento de proxectos e comercialización e difusión de obras audiovisuais, ademais de se lle dar continuidade á de exhibición en salas de cinema, convocada por vez primeira en 2021.

A esta planificación súmanse as novas iniciativas para o impulso do sector a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta. Trátase dun programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas e que suporá un investimento de 9,6 millóns de euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Xa se materializaron algúns dos primeiros proxectos ao abeiro do Hub da Xunta, como a serie Rapa, a nova produción de Portocabo e Movistar+ realizada ao abeiro do fondo de atracción de rodaxes en Galicia, que implicou un gasto na nosa Comunidade de máis de 3M€.
As próximas subvencións para o desenvolvemento simultáneo de ata cinco proxectos audiovisuais, a posta en marcha da Galicia Film Commission, o polo de talento, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas nos vindeiros meses ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

Imaxes relacionadas