Feijóo analiza co alcalde de Ribeira proxectos de interese para o concello, como a futura residencia de maiores

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, analizou co alcalde de Ribeira, Manuel Santos Ruíz, os proxectos en materia de infraestruturas e servizos sociais de maior interese para o municipio, entre os que se atopa a futura residencia de maiores da que xa se entregou o proxecto de derribo da estrutura da antiga discoteca Hesta Kurba onde se emprazará. Trátase dunha residencia piloto, que contará con 100 prazas, e que é un dos proxectos que Galicia presentou para ser financiado con fondos europeos.

Ademais, recordou a posta en funcionamento dun punto de encontro familiar neste concello a finais de xaneiro, que será o oitavo en Galicia.

En materia de estradas, Feijóo incidiu na previsión de que as obras da fase I da actuación da variante de Ribeira se poidan licitar en 2022, toda vez que xa se atopa en redacción. Ademais, lembrou a adxudicación por parte da Axencia Galega de Infraestruturas no mes de xullo de 2021 do contrato de redacción do proxecto construtivo para a recuperación da identidade urbana da estrada AC-305 na travesía de Palmeira.

No que respecta ao novo parque empresarial que o concello está a promover en Palmeira, Feijóo ratificou o compromiso da Xunta de cofinanciar as obras de saneamento consistentes na execución de 1,5 km de tubaxe de saneamento que se conectaría co polígono de Xarás.

A maiores, o presidente da Xunta e o alcalde de Ribeira abordaron tamén os avances nas novas infraestruturas portuarias como a remodelación do porto de Palmeira, unha actuación que está en fase de redacción e enmárcase no convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2021 pola Xunta e a Fundación RIA. Tamén a remodelación da fachada marítima que permitirá a integración entre o porto e a vila e a mellora da explotación portuaria, cuxas obras foron rematadas recentemente e da que só resta que a empresa xestora da auga repare as tubaxes para proceder á pavimentación.

Na reunión, abordaron ademais a rehabilitación integral do CEIP de Frións que se prevé estea totalmente finalizada no inicio do curso 2022/2023 e que contempla este ano o inicio de actuacións como a substitución da cuberta, a instalación de SATE en fachada, a substitución de carpinterías exteriores ou a substitución das luminarias existentes por iluminación LED.

Finalmente, Feijóo puxo en valor algunhas das melloras que se levarán a cabo no municipio no ámbito sanitario, como a reforma da sala de endoscopias dixestivas no hospital do Barbanza ou a nova área de hospitalización que está pendente de licitación e permitirá incrementar un 40% o numero de camas. De igual modo, tamén aludiu á construción do novo centro de saúde, que nestes momentos está pendente do traslado por parte do concello da proposta de terreo para asinar o convenio.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta