A Xunta e o concello da Lama rematan a humanización do Camiño das Cocheiras cun investimento de case 50.000€

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Jorge Canda, supervisan a conclusión destes traballos, financiados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao abeiro da orde de axudas para a mellora de infraestruturas municipais

A actuación dá continuidade á urbanización da rúa da Pedreira para completar a remodelación do centro urbano cunha franxa central de lastro de granito e as marxes laterais con lousas de pedra, así como outros servizos

“A humanización das vilas, especialmente nos concellos de ata 20.000 habitantes, é fundamental para frear a despoboación a través do reforzo de infraestruturas e servizos que melloran a calidade de vida dos veciños”, significou Luis López
 

A Lama, 10 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e o Concello da Lama veñen de rematar coas obras de humanización do Camiño das Cocheiras, emprazado en pleno centro urbano, grazas a un investimento de case 50.000 euros.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, acompañados polo tenente de alcalde, David Carrera, e do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, supervisaron este mediodía a conclusión destes traballos, que foron financiados ao 70% polo departamento autonómico grazas a unha achega de 33.879 euros procedente da orde autonómica de axudas para a creación ou mellora de infraestruturas municipais.

“A humanización e urbanización das vilas, especialmente daquelas dos municipios de ata 20.000 habitantes ás que se dirixía esta convocatoria, é fundamental para frear a despoboación, xa que reforza as súas infraestruturas e servizos facendo que sexan espazos máis confortables para vivir e mellorando a calidade de vida dos seus veciños”, significou o representante autonómico.

O proxecto desenvolvido permitíu dar continuidade á anterior remodelación da rúa da Pedreira para completar a humanización deste barrio do centro urbano da Lama. Para elo, dotouse a esta vía dunha franxa central de lastro de granito acompañada de lousas de pedra nobre nas marxes laterais.

A actuación completouse cunha rebaixa do nivel da rúa para favorecer a súa conexión coa estrada EP-0301 ao seu paso polo centro da Lama e coa construción dunha nova rede de evacuación de augas pluviais para garantir a correcta escorrentía das precipitacións.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou, na derradeira convocatoria, a concesión de achegas para un total de oito proxectos destas características na provincia de Pontevedra por un importe de case 500.000 euros que beneficiaron, ademais de ao Concello da Lama, ás vilas de Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Dozón, Oia, Crecente, A Cañiza e Mos.
 

Imaxes relacionadas