A Xunta licita por máis de 521.000 euros as obras para a execución da nova senda na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre

Esta intervención de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria suporá un investimento da Xunta de máis de 585.000 euros, incluíndo o pagamento dos 15 predios necesarios para a súa materialización

Executarase un itinerario pola marxe esquerda da vía, entre os puntos quilómetros 7+220 e 8+540, atravesando a ponte sobre o río Mero e conectando núcleos e zonas de equipamento e servizos

Cambre (A Coruña), 10 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, anunciou a licitación hoxe por máis de 521.000 euros das obras de construción da nova senda na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre, no concello de Cambre. As empresas interesadas teñen ata o día 7 de febreiro para presentar as súas ofertas e o prazo de execución da obra é de 8 meses.
O Goberno galego investirá máis de 521.000 euros nesta nova actuación de fomento da mobilidade sostible e mellora da seguridade viaria no municipio coruñés, incluíndo o pagamento dos 15 predios precisos para a súa materialización.
Executarase unha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.
A actuación consiste na execución dun itinerario peonil e ciclista na marxe esquerda da AC-214, adaptado na súa configuración ás edificacións existentes, e que posibilitará o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213. Deste modo, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta de Galicia, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214, e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no punto 8+540.

No seu percorrido o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos existen beirarrúas que serán reparadas, para o que se procederá ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a entorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

Na Intervención proxéctase, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.

Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos FEDER 14/20.

Outras actuación na AC-214 e na AC-213
Esta obra complementará outra actuación proxectada na estrada autonómica AC-214, en Sigrás, ao seu paso polo concello de Cambre que xa está licitada.

A Xunta destina a esta actuación un investimento de 743.000 euros, co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria neste tramo da AC-214. Para iso, construirase unha senda, fundamentalmente peonil, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Ademais, O Goberno Galego, no compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, tamén licitou as obras para a construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

A Xunta investirá nesta actuación case 380.000 euros para habilitar dúas sendas diferentes e complementarias na marxe da AC-213, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

Imaxes relacionadas