A Xunta aproba o proxecto de renovación do firme na autovía Santiago e Brión, a AG-56, e na variante das Galanas, que suporá un investimento de máis de 5,8 M€

Esta rehabilitación do firme comezará na primavera e o orzamento necesario será asumido pola concesionaria no marco do seu contrato

Estes traballos prevense en toda a lonxitude da autovía, efectuando o fresado da capa de rodaxe actual e a reposición dunha nova

Realizarase a reposición da sinalización horizontal en todo o treito obxecto das obras
 

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2022

A Xunta vén de aprobar o proxecto de renovación do firme na autovía AG-56, que une Santiago e Brión, e na variante das Galanas, que suporá un investimento de máis de 5,8 millóns de euros.

Esta rehabilitación do firme comezará na primavera e o orzamento necesario será asumido pola concesionaria no marco do seu contrato.

Estes traballos prevense en toda a lonxitude da infraestrutura viaria. Así, efectuarase o fresado da capa de rodaxe actual e a reposición dunha nova capa que non será a definitiva, senón unha intermedia.

Tras a disposición desta capa, realizarase unha avaliación estrutural das zonas que sigan presentando fisuras e neses puntos acometeranse rehabilitacións estruturais profundas do firme.

No tronco da AG-56 e da citada variante, tamén se procederá ao estendido dunha nova capa de rodaxe, incluíndo o tramo desde a rotonda de Pardiñas, con especial incidencia do tráfico pesado nese punto.

A nova capa de rodadura no tronco da autovía e da variante terá características drenantes similares á actual.

Ademais realizarase a reposición da sinalización horizontal en todo o treito obxecto das obras.

A planificación dos traballos prevé minimizar no posible as afeccións ao tráfico, con diferentes medidas en función do punto no que se estea a traballar en cada momento, e que serán comunicadas coa debida antelación.