A Xunta recibe 8 ofertas para desenvolver o Plan de control de vertidos na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa nos vindeiros 2 anos, cun investimento de preto de 3 M€

Estas ofertas presentáronse a cada un dos 3 contratos, que se corresponden cos distintos ámbitos da Demarcación Galicia-Costa: norte, centro e sur

A Xunta prevé a posibilidade de prórroga destes contratos por 3 anos máis, acadando un orzamento global de máis de 6 M€

Os obxectivos do plan son xestionar as alertas de vertido contaminante, localizar os focos e fixar o procedemento para a súa eliminación

A Xunta, desde a posta en marcha do plan, realizou preto de 88.000 inspeccións, contabilizándose 7.136 no que vai de 2021

Os vertidos emendados ou que cumpren os límites legais representen o 88% do total de inventariados, grazas ao labor de seguimento realizado
 

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022

A Xunta vén de recibir 8 ofertas de empresas a cada un dos 3 contratos para desenvolver o Plan de control de vertidos na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa nos vindeiros 2 anos, cun investimento de preto de 3 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé a posibilidade de prorrogar estes contratos por 3 anos máis, sumando un orzamento de máis de 6 millóns de euros.

A Xunta vén desenvolvendo o Plan de control de vertidos para realizar o seguimento das masas de auga de competencia autonómica e garantir a súa calidade. Este programa levarase a cabo mediante 3 contratos, un por cada ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa: norte, centro e sur.

A zona norte abrangue a contorna dos ríos Grande, Mero, Mandeo, Eume, Sor, Landro, Ouro e Masma, e polo tanto, tamén as rías de Camariñas, Betanzos, Ares, Ferrol, Ortigueira, Cedeira, Viveiro ou Ribadeo.

A zona centro engloba as áreas dos ríos Ulla, Tambre, Xallas e do Castro, así como as das rías de Arousa, na marxe dereita, Muros e Corcubión.

A zona sur inclúe os ríos Verdugo, Lérez e Umia e as rías de Vigo, Baiona, Pontevedra e Arousa, na marxe esquerda.

Obxectivos
Os principais obxectivos deste plan son xestionar as alertas por vertido ao dominio público, localizar estes focos, avaliar a súa importancia e establecer o procedemento para acadar a súa eliminación.

Os responsables destes contratos tamén deberán identificar zonas potencialmente sensibles, realizar plans de recuperación de áreas danadas, desenvolver estudos concretos, implantar redes de control ou fomentar a concienciación social.

O Plan de Control de Vertidos ten establecido un protocolo de actuacións coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) para garantir a eficiente resposta ás alertas en materia de vertidos que recibe o servizo de atención de emerxencias 112. Este servizo centralizado de atención telefónica está dispoñible as 24 horas e os 365 días ao ano.
O número total de alertas comunicadas desde o ano 2010 ata a actualidade ascende a 5.880. No que vai de ano lévanse atendido un total de 605 alertas.

Inspección e seguimento
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mediante o Plan de Control de Vertidos, desenvolve un seguimento de todos os vertidos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Para localizar estes focos e proceder á súa avaliación, os técnicos do plan efectúan campañas das redes fluviais e das rías e inspeccións rutineiras ou a raíz das alertas notificadas.

A Xunta, desde a posta en marcha deste plan realizou preto de 88.000 inspeccións, contabilizándose ao longo do que vai de ano 2021 un total de 7.136.

O Plan de Control de Vertidos tamén inclúe o inventario de puntos de vertido, tanto en dominio público hidráulico como en dominio público marítimo-terrestre. Estes puntos clasifícanse segundo se consideren contaminantes, en investigación, cumpridores dos límites de vertido ou xa emendados.

O traballo de seguimento dos puntos ten contribuído a que os focos subsanados por Augas de Galicia ou que cumpren os límites de vertido ascendan ao 88% dos inventariados.