A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibe de mans do grupo pesqueiro vigués 150 exemplares de “Gastronomía no Camiño de Santiago: 12 receitas con pescado e marisco” para agasallar aos peregrinos que se aloxen no Berbés

O receitario “Cociña de abordo” de Pereira chega ao albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves

A representante autonómica, que cifrou en preto de 2.000 os peregrinos que fixeron estancia no albergue vigués, apostou por aproveitar o tirón do Camiño Portugués da Costa e a oportunidade que supón o Xacobeo para dar a coñecer a gastronomía galega

Vigo, 7 de xaneiro de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, recibiu de mans de José Enrique Pereira e Ruy Andrade, conselleiro delegado e director de comunicación do Grupo Pereira, 150 exemplares do seu receitario “Cociña de Abordo”, que baixo o título de “Gastronomía no Camiño de Santiago: 12 receitas con pescado e marisco”, brinda homenaxe na súa 16ª edición aos pratos do mar que os peregrinos de épocas medievais incluían nas comidas.
Un xesto por parte do grupo pesqueiro vigués que a representante autonómica enmarcou na aposta dos hostaleiros, comerciantes e empresas da cidade de Vigo de aproveitar o tirón do Camiño Portugués da Costa e a oportunidade que supón o Xacobeo para dar a coñecer a gastronomía galega. “A nosa cociña representa un valor diferencial que debemos por en valor como un dos nosos grandes atractivos para camiñar a Galicia”, sinalou Fernández-Tapias.
Os 150 exemplares estarán dispoñibles de balde para aqueles peregrinos que fagan parada no albergue Juan Manuel López-Chaves que, segundo informou a delegada, acolleu desde a súa apertura o pasado mes de xullo a preto de 2.000 peregrinos procedentes dunha trintena de países.
Pola súa banda, Ruy Andrade, director de comunicación de Pereira Produtos do Mar, indicou que con esta entrega a empresa quere celebrar a recente apertura do primeiro albergue de peregrinos na cidade. “Non podiamos celebrar de mellor maneira esta apertura de ano que compartindo cos hóspedes o noso receitario, un tributo á gastronomía do Camiño de Santiago, aos peregrinos e á historia”, sinalou, para engadir que “esperamos que cada visitante que pase por este albergue viva a experiencia xacobea e leve consigo un destes exemplares, para gozar na súa volta a casa das receitas que contén este documento histórico”.

Imaxes relacionadas