O CGAC recupera o ritmo de actividades expositivas e supera xa as cifras anteriores á pandemia

Con 13 proxectos artísticos materializados, o número de mostras case duplicou as de 2020 e son tamén máis que as organizadas o ano anterior

A Xunta reforzou en 2021 o papel deste museo como divulgador das creacións de artistas emerxentes e consolidados cun incremento nas actividades e na colección

Ademais, o centro aumentou a colección propia con 60 novas pezas artísticas procedentes de adquisicións e doazóns
 

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2022

A Xunta reforzou en 2021 o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) como divulgador das creacións de artistas emerxentes e consolidados cun incremento nas exposicións e na súa colección, que sumou 60 novas pezas artísticas. De feito, o CGAC recuperou e mesmo superou o ritmo de actividades incrementando as cifras anteriores á pandemia. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu o Consello Asesor deste centro, no que se fixo balance do ano que remata e se presentaron as propostas para 2022.

Nos últimos meses materializáronse 13 proxectos expositivos, o que representa case o dobre con respecto aos sete de 2020 e tamén é maior o número de mostras do ano previo á pandemia, 2019, cando houbo 10. Foron fundamentalmente apostas por artistas e comisariados galegos, con amplos programas de actividades arredor de cada exposición a prol do achegamento da cidadanía á creación contemporánea.

Cómpre sinalar que tres das mostras foron itinerantes, co obxectivo de favorecer a visibilidade e posta en valor da colección do CGAC en distintas áreas galegas e de España. Así, no marco da iniciativa Unha mirada a Galicia, o Museo do Mar de Galicia, situado en Vigo, e o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollen Pingas rompentes e Néboas de luz, respectivamente, ata xaneiro. Ademais, o pasado verán levouse o traballo do fotógrafo Jesús Madriñán I am light ao Centro de Arte y Naturaleza de Huesca.

Forte presenza do Xacobeo 21-22

Por outra banda, a celebración do Xacobeo 21-22 encadrou boa parte das exposicións, con seis delas arredor dos Camiños e das peregrinacións, como as tres itinerancias, Camiños I, Camiños II e Hamish Fulton. Walking East. As dúas últimas aínda se poden visitar en diferentes espazos do centro.

Xunto cos proxectos expositivos, o CGAC desenvolveu en 2021 un intenso programa de cursos, obradoiros, faladoiros, seminarios, visitas guiadas e outras accións que o converten nun espazo dinámico e multidisciplinar de referencia, ao servizo tanto de profesionais e persoal investigador como de familias e de centros educativos. Deste xeito, o número de persoas que visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea ou participaron das súas propostas ascendeu neste ano a case 36.000.

Celebración do Ano Laxeiro

O ano que remata foi tamén significativo no pulo da Xunta aos fondos propios do CGAC, coa suma de 60 novas pezas. A metade delas proceden de adquisicións e a outra metade foron doazóns. Na actualidade a colección supera as 1.300 obras, grazas á constante incorporación de pezas desde o seu inicio.

De cara a 2022, o CGAC prevé manter un número similar de exposicións ás deste ano, tamén con referencias ao Xacobeo 21-22, e sumarse á celebración do Ano Laxeiro cun simposio centrado na súa figura, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
 

Imaxes relacionadas