A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, entre Carril e Bamio, en Vilagarcía de Arousa

O contrato, adxudicado por un importe de case 17.000 euros, conta con 5 meses de prazo para redactar o proxecto

O obxectivo é resolver a configuración desta intersección para favorecer a mobilidade peonil entre Bamio e Carril e a conexión co cemiterio municipal

Trátase de deseñar un itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado

Disporase un acceso ao cemiterio, que se sitúa á marxe contraria da beirarrúa, cun paso de peóns regulado cun semáforo e unha pasarela de baixada ao cemiterio

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2022

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.

O contrato, adxudicado ao consultor SERYE INGENIEROS S.L por un importe de case 17.000 euros, conta con 5 meses de prazo para redactar o proxecto.

A intervención ten como obxectivo resolver a configuración da intersección entre as estradas autonómicas PO-548 e PO-192 para favorecer a mobilidade peonil entre Bamio e Carril e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade.

Na actualidade os veciños circulan pola beiravía da PO-548 e o entroncamento coa PO-192 ata chegar ás beirarrúas existentes en ambos os extremos, nun percorrido de aproximadamente 400 metros.

O proxecto a redactar estudará o deseño dun itinerario alternativo máis seguro e segregado do tráfico rodado. A senda apoiaríase no dominio público das estradas e dunha pista municipal que transita ao longo da estación de servizo, cruza cun paso inferior a V.G.-4.7 e aproveita un tramo de estrada antiga ata conectar coas beirarrúas en Carril.

Ademais, dotarase a zona dun novo acceso peonil ao cemiterio, que se sitúa á marxe contraria da beirarrúa, mediante un paso de peóns regulado cun semáforo con pulsador e unha pasarela de baixada ao cemiterio dende a estrada.