A Xunta destinou en 2021 ao concello de Boborás 123.000€ para melloras ambientais, infraestruturas e adquisición dun vehículo todoterreo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as melloras levadas a cabo no municipio o ano pasado ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público e do Fondo de Compensación Ambiental

Contou tamén cunha axuda do Goberno galego para a adquisición dun todocamiño por importe de 34.900 euros

A Xunta investiu en 2021 un total de 4M€ para financiar a creación ou mellora de 125 infraestruturas vinculadas a servizos municipais e 11M€ en 256 actuacións relacionadas coa protección do medio ambiente
 

Boborás (Ourense), 5 de xaneiro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe algunhas das melloras levadas a cabo no Concello de Boborás o ano pasado, que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de máis de 88.100 euros. Ademais, contaron cunha axuda para a adquisición dun vehículo todo terreo 4x4 tipo pick-up, por importe de 34.900 euros.
Por unha banda, visitaron o novo parque infantil situado nunha zona que xa concentra varios equipamentos públicos como o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas e o polideportivo. A Xunta achegou máis de 35.300 euros á dotación do novo parque para o desfrute da veciñanza e que contribuirá á rexeneración desta zona, na que se aglutinan distintos servizos municipais educativos deportivos e socioculturais. Os traballos incluíron a limpeza da parcela, así como a colocación dos xogos con temática de bosque, o pavimento de caucho, o valado de seguridade e a cartelaría e sinalización.
Esta axuda realizouse no marco da Orde de Infraestruturas de uso público destinada á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, a través da que a Xunta investiu este ano un total de 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos deste tipo promovidos polas entidades locais galegas.
Por outra parte, o concello recibiu outros 28.725 euros para sufragar os gastos de persoal do servizo de auga potable e de saneamento, que se encarga do mantemento, a conservación, a vixilancia e o control e reparación da rede de distribución de auga e da lectura dos contadores.
A Xunta apoiou ao funcionamento deste servizo o ano pasado cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), e outros 15.000 euros do mesmo fondo para o servizo de protección ambiental e do espazo natural da Mancomunidade da comarca do Carballiño, que integra Boborás con O Carballiño, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea. Tamén ao abeiro do FCA, a Administración autonómica destinou ao Concello de Boborás máis de 9.000 euros na mellora da rede de abastacemento en varios núcleos do municipio.
O Goberno galego financiou así a través da última convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental, que contou cun orzamento de 11 millóns de euros, 256 actuacións relacionadas coa adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, a contratación de persoal e equipamento para a protección do medio ambiente, así como melloras no saneamento, o abastecemento de auga ou a recollida de lixo e melloras da eficiencia enerxética no alumeado público ou en instalacións municipais.
Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello con estas dúas liñas de axudas e outras vías de colaboración entre a Xunta e as entidades locais, así como o apoio á Mancomunidade do Carballiño e á Mancomunidade Turística Terras do Avia das que forma parte, supera os 456.600 euros.
 

Imaxes relacionadas