A Xunta adxudica a obra e posta en marcha da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa por máis de 15 M€

A instalación localizarase no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas cun total de 20.000 m2 polas que realizou un desembolso de 1,5 M€

Dará servizo a 26 concellos que concentran unha poboación de 326.846 habitantes, terá capacidade para tratar ata 15.000 Tn/ano de materia orgánica e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 6.000 Tn/ano de compost

Esta nova planta pasará a formar parte da rede de infraestruturas articulada pola Xunta para que a meirande parte dos concellos adheridos ao modelo Sogama conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022

A empresa pública Sogama adxudicou á UTE Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares, S.A–Arias Infraestruturas, S.A–Petrolam Infraestruturas, S.L–Prace, Servizos e Obras, S.A, por un importe de 15.109.215 euros (IVE incluído), a obra de execución e posta en marcha dunha planta de biorresiduos no municipio de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Esta instalación integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para garantir que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama poidan acceder á valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.

Para isto e conforme á normativa vixente, quedan obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Se ben se trata dunha competencia municipal, a Xunta porá á disposición das entidades locais os medios necesarios para que dean debido cumprimento á lexislación en vigor no ámbito dos residuos.

Así, a planta de Vilanova, xunto coa de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Cerceda (A Coruña) —esta última xa en funcionamento—, contarán co apoio de 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica. Serán 17 instalacións en total coas que se dará cobertura a practicamente todo o territorio galego, propiciando que os municipios conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

Características

A instalación vilanovesa localizarse no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e polas que realizou un desembolso de 1,5 millóns de euros.

Dará servizo a 26 concellos con 326.846 habitantes, contará con capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e outras 7.000 de podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, que se destinará ao sector agrícola como abono natural, en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta integrará a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, que levará a cabo en naves pechadas, comprendendo todas as fases —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. A operativa industrial alimentarase con enerxía renovable a través de paneis solares, fundamentalmente.

Prazos de posta en marcha

A previsión é que as instalacións integradas nesta rede, á que se destina un investimento global de 38,6 millóns de euros, entren en funcionamento a finais deste ano, propiciando que, xunto con outras plantas públicas e privadas de compostaxe, a recollida selectiva dos residuos orgánicos sexa unha realidade en Galicia e se avance de forma decidida cara ao cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe para o ano 2025.

Esta actuación conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19, tendo en conta que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.