Convocadas as axudas de mobilidade da Xunta do programa Erasmus+ para universitarios, que duplican o seu investimento

Poden acceder ás bolsas autonómicas todos aqueles estudantes universitarios galegos que obtiveran a bolsa europea

A Consellería de Educación consigna un total de 1,6M€ para este curso

As contías van desde os 125 €/mes ata os 195 €/mes en función dos países de destino

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, para o alumnado universitario que participa en Erasmus Estudos no presente curso 2021/2022, tan e como publica o Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 1.653.000€ a esta liña de axudas, o que supón practicamente duplicar con respecto á anterior convocatoria (que foi de 891.000€). Deste xeito, todos os estudantes galegos que tiveran dereito ás axudas europeas poderán ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas para estancias de entre tres e nove meses.

Tal como indica na convocatoria, a solicitude da axuda deberá realizarse exclusivamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto ata o día 3 de febreiro.

A duración das axudas, que se suman ás europeas, e a súa contía pode ser de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino.
En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).

Requisitos

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2021/22 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para realizar estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao; e participar no devandito programa de mobilidade universitaria, sendo tamén beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Imaxes relacionadas