A Xunta celebra a apertura do centro Amizar, xa convertido nun novo edificio público, con dous días de portas abertas

Haberá visitas guiadas para todos os que desexen ver o resultado da rehabilitación en grupos reducidos, o sábado 8 e o domingo 9 de xaneiro, respectando todas as medidas de prevención sanitarias

A Coruña, 5 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia compartirá con todos os coruñeses a reapertura da antiga delegación de Sanidade, xa reconvertida no novo edificio público do Espazo Amizar. Para iso, se programaron una serie de visitas guiadas polas novas dependencias deste reconvertido edificio público que terán aos coruñeses como protagonistas.

As visitas terán lugar este sábado 8 e domingo 9 de xaneiro en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso ás visitas é libre e basta con presentarse na entrada principal uns minutos antes de cada recorrido. Durante a visita respectaranse todas as medidas de prevención sanitarias.

A partir do luns 10 de xaneiro comezará o traslado do persoal ás novas dependencias e a mediados deste mesmo mes empezaran a abrirse os novos servizos que está previsto que se sitúen neste edificio emblemático da cidade.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, lembrou que o Espazo Amizar é unha obra singular vangardista e moderna desde o punto de vista arquitectónico e acollerá servizos públicos que se prestarán aos coruñeses, tras un investimento de 7 millóns de euros.

Un complexo de máis de 6.300 metros cadrados que, entre mediados e finais xaneiro, comezará a recibir xa uns 280 empregados das consellerías de Emprego e Igualdade e de Política Social.

Ademais, lembrou Trenor, “este inmoble tamén reserva un espazo para entidades sen ánimo de lucro, que se repartirá, a través dun concurso público, para que poidan ocupar os 12 locais dispoñibles”.

O representante do Goberno galego recalcou que coa apertura deste novo edificio a Xunta aforrará 750.000 euros no aluguer de infraestruturas que estaban espalladas en distintas localizacións da cidade. Deste xeito, lembrou a liña patrimonial posta en marcha pola Xunta baseada en políticas patrimoniais sen incrementar o gasto e investindo o diñeiro de gasto de alugueres en edificios de titularidade da Xunta rehabilitados.