A Xunta realizou melloras no centro de saúde de Vite cun investimento de máis de 43.000 euros

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras de mellora das luminarias, pintado, substitución dos estores e da nova zona administrativa

Na area sanitaria de Santiago leváronse a cabo obras de mellora nos centros de saúde de Boiro, Outes, Brión, Rianxo, Tordoia, Dodro, Mesía, Val do Dubra e en Santiago de Compostela en Vite e Fontiñas por un importe de máis de 335.000 euros.

O obxectivo destas achegas é mellorar a calidade asistencial que prestan os profesionais do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños
 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado por Felipe Calle, director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, Barbanza, supervisaron as obras de mellora de reforma realizadas no centro de saúde de Vite que contaron cun investimento de máis de 43.000 euros.

Concretamente, instaláronse luminarias led e levouse a cabo pintado interior e exterior do edificio. Ademais, substituíronse as venecianas existentes por estores e levouse a cabo a reordenación e pintado de toda a zona administrativa para dotar a este espazo de novos postos de traballo. Así mesmo actualizáronse os puntos de conexión eléctrica para adaptalos á situación actual.
O representante do Goberno galego puxo en valor este apoio económico da Xunta para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte do Goberno galego para acondicionar o edifício asistencial no que se presta o servizo de atención primaria aos veciños composteláns de Vite.

Trenor apuntou tamén que na província da Coruña leváronse a cabo actuacións menores en 28 centros de saúde por un importe de 640.000 euros e concretamente na área na area sanitaria de Santiago efectuáronse obras de mellora nos centros de saúde de Boiro, Outes, Brión, Rianxo, Tordoia, Dodro, Mesía, Val do Dubra e en Santiago de Compostela en Vite e Fontiñas por un importe de máis de 335.000 euros.

Polo que se refire a Santiago cidade estamos a falar dun investimento de 153.416 euros en melloras nos centros de saúde de Vite, Fontiñas e Concepción Arenal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinamos convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e temos asinado convenio de colaboración co concello de A Coruña para a construción do novo centro de Saúde de Santa Lucía.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee e Monfero. Temos asinado neste 2021 convenios para reforma dos centros de titularidade municipal cos concellos de Bergondo e Valdoviño.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2022 prevese a reserva de 2,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade. Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

 

Imaxes relacionadas