O delegado territorial visitou esta mañá as instalacións deste organismo sen ánimo de lucro

Gabriel Alén destaca o traballo de Cáritas a prol da inclusión social e laboral das persoas máis vulnerables

O delegado territorial sinalou o compromiso da Xunta con esta entidade, lembrando que se lle aporta máis de 314.000 euros

Gabriel Alén puido coñecer algunhas das actividades que se realizan no centro, como alfabetización dixital, actividades interculturais ou programas de emprego, e subliñou o importante labor que están realizando nestes momentos tan difíciles estas entidades

O Goberno galego investiu a través do 0,7% do IRPF case 2 millóns de euros en 2020 á agrupación constituída por Cáritas de Santiago, Ourense, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol, dos que a metade corresponden a programas de inclusión, e 423.000 son xestionados por Cáritas Diocesana de Ourense

Ourense, 4 de xaneiro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá as instalacións de Cáritas Diocesana de Ourense, onde foi recibido pola súa directora, María Tabarés, e polo delegado episcopal, José Ángel Feijóo.
Despois de percorrer as instalacións, o comedor social e tamén o centro de formación, o delegado territorial interesouse polo traballo desenvolvido por esta entidade o pasado ano e explicoulle as posibles liñas de colaboración nos proxectos que esta asociación ten previsto para 2022. Durante o encontro abordáronse distintas cuestións, como a posibilidade de renovar a colaboración que nos últimos tempos a Administración autonómica ven mantendo con esta entidade, e lembroulle que a aportación da Xunta neste período foi de 314.866,84 euros.
Gabriel Alén destacou a importancia destes centros, nos que se levan a cabo programas que fomentan a inclusión social e laboral das persoas máis vulnerables. Tamén sinalou o compromiso da Xunta con estas entidades, recordando que se lle achegan máis de 300.000 euros.
Durante a súa visita, o delegado territorial, puido coñecer algunhas das actividades que se realizan no centro, como alfabetización dixital, actividades interculturais ou programas de emprego, e subliñou o importante labor que están realizando nestes momentos tan difíciles estas entidades. Na última convocatoria de entidades 2020-2022, a Xunta aportou unha axuda para diferentes programas desta asociación, como o comedor social, ao que se destinan 87.600 euros, e a súa reforma e equipamento, no que investiu 19.000 euros, os itinerarios de transición ao emprego, financiados con 78.000, a alfabetización dixital, con máis de 16.000 euros, ou a compra de material informático, con máis de 5.000 euros.
O Goberno galego investiu a través do 0,7% do IRPF case 2 millóns de euros en 2020 á agrupación constituída por Cáritas de Santiago, Ourense, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol, dos que a metade corresponden a programas de inclusión, e 423.000 son xestionados por Cáritas Diocesana de Ourense.
O delegado territorial tamén lembrou as diferentes iniciativas que a Administración autonómica puxo en marcha nos últimos meses para atallar as necesidades máis urxentes, entre as que destacou a Tarxeta Básica, unha axuda pioneira que ten como finalidade responder de xeito áxil ás necesidades das familias.
Gabriel Alén reafirma o compromiso coas persoas en situación de exclusión social que a Xunta, sigue a amosar nos orzamentos dedicados ao área de Inclusión. Destínanse 125,5 millóns de euros a este ámbito, a contía máis elevada da súa historia, e un 4,5% máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas