A Xunta concede 540.000 euros a 66 comerciantes e obradoiros artesanais da comarca da Coruña para impulsar a dixitalización e modernización dos seus negocios

Os apoios económicos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación diríxense ao desenvolvemento de actuacións, entre as que se inclúen implantación e actualización de páxinas web, mellora da imaxe dixital, introdución de ferramentas de marketing 4.0 e loxística dixital

Enmárcanse nas liñas de axudas do Goberno galego que teñen como obxectivo que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo como o comercio electrónico e a outras canles de comercialización como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade e aumento das vendas
 

A Coruña, 3 de xaneiro de 2022

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o laboratorio LP10 Lab de produtos cosméticos, un dos establecementos beneficiados pola orde de axudas dirixidas a impulsar a estratexia dixital e a modernización do sector comercial e artesán na nosa Comunidade. En concreto, concedéronse máis de 540.000 euros a un total de 66 comerciantes e obradoiros artesanais coruñeses que mobilizarán 681.000 euros.
Por concellos a comarca da Coruña conta con 42 beneficiarios, Cambre con 10, Oleiros con 5, Betanzos con 3 e Arteixo, Bergondo, Carral, Miño, Curtis e Paderne con un beneficiario.

As axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contan con dúas liñas: unha destinada á dixitalización comercial que contempla actuacións entre as que destacan a implantación dun xestor de redes socias, a creación de páxinas web con venda en liña, a realización de publicidade en medios dixitais, así como a mellora da imaxe dixital. Tamén se concederon apoios para márketing 4.0, loxística dixital ou participación en feiras dixitais. A segunda liña, está destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final.

Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas.
 

Imaxes relacionadas