Os Clubs de Lectura chegarán por primeira vez a 87 centros de Primaria coa convocatoria da Xunta

O Goberno galego duplica este ano o orzamento para este programa e introdúceo por nesta etapa

No ensino secundario e FP serán 259 centros os que desenvolvan estes clubs

O pasado ano o programa chegou a 213 centros escolares de toda Galicia e a máis de 10.000 participantes
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria para o desenvolvemento de Clubs de Lectura nos centros educativos, que este ano se amplía á etapa de Primaria e que duplica o seu orzamento total ata os 400.000€. Son en total 346 os centros que participarán nesta iniciativa, dos que 87 o farán por primeira vez na etapa de Primaria e os restantes nas de ESO, Bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial.

Por provincias, 132 son centros da Coruña, 48 de Lugo, 44 de Ourense e 122 de Pontevedra. O programa chegou o pasado curso a 213 centros escolares de toda Galicia e a aproximadamente 10.100 participantes.

Cada un dos centros recibirá unha contía de entre 700 e 1800€, en función do tipo de centro e do proposta presentada. Esta asignación destinarase fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar. Tamén poderán costearse outros gastos de menor contía derivados do funcionamento do club de lectura.

A maiores, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición dos centros dúas ferramentas web para a difusión dos blogs dos clubs de lectura que se vaian creando e para o intercambio de lotes de libros entre os diferentes clubs: as iniciativas Ler en Man Común e Libros a eito.

Ampliar os beneficios

O obxectivo da ampliación desta iniciativa á etapa de Primaria é estender os beneficios destes grupos aos máis novos, logo dos éxitos acadados nos clubs de lectura do ensino secundario, e reforzar, deste xeito, o papel desta ferramenta na creación e consolidación de hábitos lectores así como no desenvolvemento das competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...).

Non en balde, os Clubs de lectura son grupos de dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, pero tamén espazos de convivencia e de educación cidadá. A través deste programa promóvese, ademais, a incorporación á lectura dixital co uso dos novos dispositivos de lectura, e levan tempo integrando as tecnoloxías da comunicación e da información de forma natural nas súas actividades (blogues, vídeos, booktrailers, redes sociais, presentacións etc.).

 

Imaxes relacionadas