A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde mantiveron unha reunión para analizar as iniciativas de interese para o Concello

A Xunta e Vilanova de Arousa colaborarán na construción dunha senda fluvial no río Currás ao seu paso pola parroquia de Caleiro

Ángeles Vázquez tamén lle avanzou ao rexedor as previsións de adxudicar as obras da planta de tratamento de biorresiduos o vindeiro mes de xaneiro

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Vilanova de Arousa colaborarán na construción dunha senda fluvial no río Currás, ao seu paso pola parroquia de Caleiro.

A conselleira, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente unha reunión co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para coñecer os proxectos de interese para o Concello e na que lle trasladou o compromiso con esta nova iniciativa.

Nese sentido, Vázquez Mejuto indicoulle a necesidade de que remita á Consellería o proxecto definitivo para tramitar o expediente necesario e determinar os termos da colaboración, co fin de facer realidade esta actuación o vindeiro ano.

A conselleira felicitou ao rexedor por apostar por proxectos que impulsen o turismo de natureza, co obxectivo de poñer en valor a riqueza que existe entre os muíños de Currás e o miradoiro de Monte Lobeira.

Por outra banda, no decurso da reunión a conselleira e o alcalde tamén abordaron a situación da futura planta de tratamento de biorresiduos que se construirá en Vilanova de Arousa. Ángeles Vázquez avanzoulle que as previsións sobre esta instalación son adxudicar as obras o vindeiro mes de xaneiro, polo que o ano 2022 será determinante para esta instalación, que é unha das pezas claves da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para axudar aos concellos na xestión do quinto contedor.

A planta de Vilanova, instalada no polígono de Baión, dará servizo a 26 concellos do chamado eixo atlántico sur e terá capacidade para tratar ata 15.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 de podas e restos de madeira.
 

Imaxes relacionadas