Convocados os Premios Fin de Carreira para titulados superiores de Música, Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais e Deseño

Están dirixidos ao alumnado destas ensinanzas que rematou os seus estudos no curso 2020-21 cunha nota media igual ou superior a 8,5 no expediente

O prazo para presentar as solicitudes remata o 10 de xaneiro

Santiago de Compostela, 30 de decembro 2021

A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Fin de Carreira para o alumnado de ensinanzas artísticas superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais en centros públicos de Galicia.

Estes galardóns -cuxos requisitos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia- recoñecen a excelencia no rendemento académico e o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos destas ensinanzas que remataron os seus estudos no curso 2020-21. Ademais, os galardoados recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros, o que supón 500 euros máis que a contía da anterior convocatoria para este mesmo fin.

En total poderán concederse ata seis premios, a razón de dous para as ensinanzas superiores de Música, outros dous para ensinanzas superiores de Deseño, un para ensinanzas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Entre os requisitos cómpre salientar ter finalizado os estudos das titulacións artísticas antes sinaladas no curso 2020-21 cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos. Os interesados deberán formular as solicitudes de xeito exclusivamente electrónico na sede electrónica da Xunta de Galicia, podendo empregar o sistema Chave365. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 10 de xaneiro.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade instaurou estes premios por primeira vez o ano 2020, co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estiveran en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos. A día de hoxe, preto de 6.000 alumnos cursan estes estudos nos oito centros cos que conta Galicia do total de 65 do conxunto do Estado.

Imaxes relacionadas