A Xunta aposta pola rehabilitación de catro antigas vivendas dos mestres da Lama para alugueiro social cun investimento de 144.000 €

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Jorge Canda, supervisou esta mañá as dúas casas xa rematadas e visitou as obras de restauración doutras dúas emprazadas fronte á casa consistorial no vello bloque escolar da Avenida do Concello

Está previsto que a actuación estea rematada no mes de abril para proceder á apertura dun novo concurso de concesión destas vivendas para familias con poucos recursos ou en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero

“É moi bo ver como se recuperan espazos e patrimonio grazas ao empuxe da Xunta e dos concellos e se lle dá unha vida útil para algo tan fundamental como é a vivenda e ademais é unha dobre alegría que haxa unha primeira familia xa vivindo neste espazo”, sinalou Luis López.

A Lama, 28 de decembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está a apostar pola rehabilitación de catro antigas vivendas dos mestres no Concello da Lama co obxectivo de devolvelas ao mercado baixo o formato de alugueiro social para familias con escasos recursos ou en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde da Lama, Jorge Canda, o tenente de alcalde, David Carrera, e o xefe territorial, José Manuel González, supervisou esta mañá as dúas casas, correspondentes cos números 6 e 8 da Avenida do Concello, que xa están rehabilitadas e tamén visitou as obras de recuperación doutras dúas, que son as dos números 10 e 12 do antigo bloque escolar emprazado fronte á casa consistorial, na Avenida do Concello.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a facer unha achega global de 144.000 euros para estas actuacións, que se distribúen en 72.000 euros para cada un dos proxectos e que serven para cofinanciar o 75% dun investimento que ascende, nestas dúas fases, a 192.000 euros.

“É moi bo e satisfactorio ver como o traballo da Xunta é clave para recuperar espazos e patrimonio grazas ao empuxe dos propios concellos co apoio do Goberno galego e ademais que estas actuacións serven para darlle unha vida útil para algo tan fundamental como é o acceso á vivenda”, sinalou o representante autonómico, que ademais cualificou de “dobre alegría comprobar como xa hai unha primeira familia vivindo neste recuperado espazo residencial e está a piques de entrar outra na segunda casa restaurada, o cal é moi importante para asentar poboación na Lama”.

As obras en marcha para a rehabilitación das outras dúas vivendas discorren a bo ritmo e os prazos apuntan a que estarán rematadas no vindeiro mes de abril para proceder á apertura da oportuna convocatoria de concesión para outorgalas a outras dúas familias. Deste xeito, quedará arranxado a metade do bloque de antigas vivendas, que conta cun total de oito.
Estas actuacións de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres da Lama consisten na súa reforma integral con redistribución de espazos interiores, eliminación de humidades, renovación de fachadas e cubertas, cambio de fiestras, portas e carpintarías, pintado exterior e interior, dotación de illamento térmico e reposición de servizos. Deste xeito, o resultado serán casas de dobre planta con cociña-comedor, salón, alacena e terraza posterior no baixo e distribuidor, tres dormitorios e cuarto de baño no primeiro andar.

Imaxes relacionadas